O pleno do Concello de Vigo rexeitou este mércores unha moción do grupo Marea na que instaba a anular a prórroga da concesión de bus urbano a Vitrasa e pedía abrir un expediente á empresa, xa que os edís do PSOE, 20 dos 27 que conforman a Corporación, votaron en contra.
A proposta de Marea de Vigo, defendida polo seu portavoz, Rubén Pérez Correa, expuña que o goberno local abra un expediente informativo a Vitrasa se se executa a inaplicación do convenio colectivo e os recortes salariais que anunciou; e que denuncie ante Inspección de Traballo os “graves incumprimentos” en materia laboral por parte da empresa concesionaria.
Este grupo tamén pedía que se anule a prórroga da concesión e se convoque un novo concurso (tal e como anunciara o propio alcalde antes da pandemia de Covid); que se faga unha auditoría externa do servizo; que se inicien os trámites para municipalizar a súa prestación; e que se convoque o Consello Municipal de Transportes.
Pérez Correa tachou de “profundo erro” a prórroga da concesión sen unha cláusula que determine a fórmula de compensación á empresa en caso de perdas, e criticou que Vitrasa utilice o seu persoal nunha “chantaxe” para lograr máis axudas públicas.
“NIN UN SÓ EURO DE DIÑEIRO PÚBLICO”
Pola súa banda, o concelleiro de Fomento, Francisco Javier Pardo, rexeitou que se rescate a concesión para converter en público o servizo de bus urbano, xa que o Concello non ten “capacidade” para asumilo e unha rescisión do contrato debe estar “xustificada”, e debe demostrarse que a administración pode prestar o servizo “a un menor custo”. “Non se pode largar sen dar alternativas”, advertiu.
Ademais, engadiu que o Concello de Vigo non dá “nin un só euro de diñeiro público” a Vitrasa, e que os 12 millóns anuais que achega son para sufragar as rebaixas de tarifas aos usuarios do cartón PassVigo. Por tanto, defendeu, ese diñeiro é “para os viaxeiros, non para a empresa”.
Finalmente, reiterou que o goberno local tomará medidas se Vitrasa aplica o descolgue salarial anunciado e rebaixa os soldos dos seus empregados, unha medida que sería “un abuso” pero que, “de momento non se deu”. A moción de Marea de Vigo tivo o respaldo deste grupo, do PP e do BNG, pero foi rexeitada polo voto contrario do grupo socialista.