InicioSociedadeCientíficos da UVigo identifican o rexistro de posta de ovos de insectos...

Científicos da UVigo identifican o rexistro de posta de ovos de insectos en plantas máis antigo da Península

As mostras foron recollidas en xacementos do Cantábrico, nas concas mineiras da Magdalena, O Bierzo e Carrasconte, na provincia de León.

PUBLICADO O

- Advertisement -

Persoal investigador da Universidade de Vigo, xunto con colegas da Universidade Bonn/Hessisches Landesmuseum Darmstadt e da Universidade do País Vasco/Euskal Herriko Unibertsitatea, lograron identificar o rexistro fósil de posta de ovos de insectos en plantas máis antigo da Península Ibérica, con máis de 300 millóns de anos.

Tras cinco anos de saídas ao campo e a recollida de máis de 200 especímenes de plantas fósiles do Carbonífero, de 303 millóns de anos de antigüidade, este grupo de científicos logrou identificar non só ese rexistro de oviposición, senón tamén as primeiras evidencias de interacción nos xéneros de plantas Pecopteris, Oligocarpia, Polymorphopteris e Cordaites. Os seus resultados foron publicados na revista Review of Paleobotany and Palinology.

As mostras foron recollidas en xacementos do Cantábrico, nas concas mineiras da Magdalena, O Bierzo e Carrasconte, na provincia de León. Así, os investigadores Artai Santos e Benvido Díez do departamento de xeociencias mariñas e ordenación do territorio e do CIM da UVigo; Torsten Wappler; e Antonio Hernández-Orúe conseguiron identificar nove tipos diferentes de interaccións planta-insecto, varios tipos de herbivoría (consumo de plantas) externa, formación de diferentes tipos de agallas (excrecencias) e evidencias de oviposición (proceso de implantación ou difusión de ovos) de insectos.

“Dado que non se coñecen interaccións planta-insecto anteriores ao Carbonífero na Península Ibérica, trátase dalgunha das evidencias máis antigas das relacións entre estes dous importantes grupos biolóxicos, e son as primeiras evidencias de interaccións en Pecopteris, Oligocarpia, Polymorphopteris e Cordaites, e a evidencia de oviposición máis antiga da Península”, destacou Artai Santos.

Os investigadores documentaron nove tipos de danos diferentes entre 216 especímenes de plantas fósiles, e presentaron os primeiros datos de agallas, alimentación en marxes e en buracos, e oviposición neses tipos de plantas. Eses danos poderían ser causados por exemplares de Archaeorthoptera, Paoliida, Palaeodictyoptera, Megasecoptera e Dictyoptera.

Deberían necesitar un sistema mandibular robusto para perforar o aparente tecido coriáceo e os nervios de Polymorphopteris polymorpha, P. pseudobucklandii e P. integra, uns patróns de alimentación que son consistentes con insectos (pan)ortopteroideos, probablemente de pequeno tamaño”, recollen os investigadores no seu traballo.

O estudo das plantas e a variedade de interaccións suxiren que os bosques do Carbonífero na Península Ibérica proporcionaban un nicho ecolóxico moi adecuado para os insectos, segundo apuntaron. Por outra banda, a presenza de agallas podería estar vinculada a certas condicións climáticas relativamente áridas, polo menos rexionalmente.

ÚLTIMAS

Vigo declara deserta a licitación do mercadillo de Nadal

O Concello de Vigo declarou "deserta" a licitación para a instalación do mercadillo do...

O Teatro Afundación de Vigo acollerá o 4 de outubro o grupo tributo de The Beatles Abbey Road

O Teatro Afundación de Vigo acollerá o próximo 4 de outubro o grupo tributo...

O BNG de Vigo reclamará en pleno a dimisión de Rueda pola súa “neglixente” xestión nos incendios

O BNG de Vigo reclamará no próximo pleno municipal a dimisión do presidente da...

Detido en menos de 48 horas o presunto autor dun atraco en Vigo

A Policía Nacional detivo esta semana ao suposto autor dun atraco nun supermercado, onde...