InicioMedio Ambiente e PatrimonioPonte Caldelas recolle firmas contra as "barbaridades ambientais" do estudo da auga...

Ponte Caldelas recolle firmas contra as “barbaridades ambientais” do estudo da auga en Vigo

O alcalde do Concello non descarta chegar á vía xudicial se algunha das administracións implicadas no estudo do abastecemento (Goberno central, Xunta e Concello de Vigo) "continúa avanzando pasos para sacar adiante algunha das propostas avasalladoras co rural de Ponte Caldelas".

PUBLICADO O

- Advertisement -

O Concello de Ponte Caldelas puxo en marcha unha recollida de firmas para expresar o seu rexeitamento ás “barbaridades ambientais” recollidas no estudo técnico de alternativas para garantir a subministración de auga a Vigo e municipios da súa contorna, que propón adoptar unha serie de medidas que afectan a Ponte Caldelas e Soutomaior, entre as que están a construción dunha pequena presa e un transvasamento na confluencia dos ríos Verdugo e Oitavén.

O alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz (PSOE), explicou que os modelos para asinar están dispoñibles no Concello e apuntou que “cantas máis firmas” se recollan, máis se demostrará “o rexeitamento social” a estas medidas, expostas como alternativa para garantir o abastecemento en períodos de seca no sur da provincia.

Todos os apoios solicitados serán remitidos á presidenta da Comisión Europea, Ursula Von Der Leyen, “para que sexa coñecedora das barbaridades ambientais que se propoñen para Ponte Caldelas neste estudo, co único obxectivo de aforrar custos”.

Andrés Díaz advertiu á Xunta e ao Goberno de España (que sufragaron ese estudo, xunto co Concello de Vigo) de que “non van asoballar o rural de Ponte Caldelas con transvasamentos e presas, cando se pode facer unha desaladora en Vigo”.

Por outra banda, criticou que o goberno galego, que cuestionou os resultados do estudo, utilice “manobras” para buscar un interlocutor nunha plataforma creada por un concelleiro do PP deste municipio. Dita plataforma, vaticinou o alcalde, “acabará en partido político para pactar despois co Partido Popular”.

Segundo Andrés Díaz, o goberno municipal xa conseguiu paralizar o transvasamento desde o Verdugo “que pretendía executar a Xunta en 2017”, e afirmou que “defender os intereses de Ponte Caldelas, a súa terra, os seus ríos e o seu patrimonio” é a súa “prioridade”.

Finalmente, incidiu en que non descarta chegar á vía xudicial se algunha das administracións implicadas no estudo do abastecemento (Goberno central, Xunta e Concello de Vigo) “continúa avanzando pasos para sacar adiante algunha das propostas avasalladoras co rural de Ponte Caldelas”.

ÚLTIMAS

Achan a 2 persoas falecidas en senllos pisos en Vigo, sendo necesaria a intervención dos bombeiros para abrir un

Dúas persoas foron achadas mortas na mañá deste venres en Vigo en senllos pisos...

A Xustiza de Vigo rexeita ampliar o permiso de paternidade a 22 semanas como o das nais

O xulgado do Contencioso-Administrativo número 2 de Vigo desestimou a demanda interposta por un...

A Axencia Tributaria desarticula en Vigo e outras cidades unha ‘macrotrama’ que defraudou 300 millóns en IVE

A Axencia Tributaria desmantelou unha das maiores redes de defraudación de IVE no sector...

Falece Gonzalo Caballero Álvarez, irmán do alcalde de Vigo e pai do exlíder do PSdeG e

Gonzalo Caballero Álvarez, pai do exsecretario xeral do PSdeG Gonzalo Caballero Míguez e irmán...