InicioPolíticaCC.OO. denuncia o despedimento do presidente e o secretario do comité de...

CC.OO. denuncia o despedimento do presidente e o secretario do comité de Vulcano por “represión”

CC.OO. puxo en valor que estes traballadores, no longo proceso de liquidación e venda de Vulcano, "estiveron en primeira liña de defensa do sector naval, realizando actividade sindical e mantendo reunións con todos os axentes de maneira activa e permanente".

PUBLICADO O

O sindicato CC.OO. denunciou publicamente este venres o despedimento do presidente e do secretario do comité de empresa do antigo estaleiro Factorías Vulcano, agora Estaleiros San Enrique, por “represión sindical” da empresa.

A través dun comunicado, o sindicato lembrou que ambos os membros do comité levan anos pelexando polo futuro do estaleiro, primeiro en Vulcano e logo no proceso de venda a Mariña Meridional e na consecución da concesión portuaria.

CC.OO. vinculou estes despedimentos á posición que mantivo o sindicato no proceso de venda do estaleiro Barreras, no que os donos de Estaleiros San Enrique, o grupo Mariña Meridional, era un dos ofertantes (xunto a Gondán, o preferido polos sindicatos, e Armón, o que finalmente se adxudicou a unidade produtiva).

Por outra banda, lembraron non fai nin un mes que o Porto de Vigo acordou outorgar a concesión dos terreos da antiga Vulcano a San Enrique (Mariña Meridional) e que, entre as condicións da concesión, está a creación de emprego. “E ao primeiro de vez xa se incumpriu, despedindo a dous traballadores”, censurou o sindicato.

“Desde CC.OO. defenderemos na rúa e nos xulgados esta persecución sindical”, proclamou a central, que subliñou que estes dous delegados e membros do comité exerceron unha intensa actividade para conseguir que as instalacións de Teis sigan sendo para construción e reparación naval.

Tamén lembraron o esforzo dos traballadores para manter e conservar as instalacións, no manexo de guindastres e outros materiais, venda de chatarra, xestión de residuos, medidas de seguridade e xardinaría, e mesmo na procura de clientes. Agora, criticaron, Mariña Meridional despediunos alegando “baixo rendemento e falta de implicación”.

EN PRIMEIRA LIÑA DE DEFENSA DO NAVAL

CC.OO. puxo en valor que estes traballadores, no longo proceso de liquidación e venda de Vulcano, “estiveron en primeira liña de defensa do sector naval, realizando actividade sindical e mantendo reunións con todos os axentes de maneira activa e permanente”.

O sindicato anunciou que solicitará reunións coas “forzas vivas” da cidade para que coñezan a situación e reclamar o seu apoio. Así, pedirán verse con responsables do Concello, Porto, Zona Franca, Inspección de Traballo, Asime, Xunta, Aclunaga, etc., á vez que advertiron de que non permitirán que esta “represión” quede “impune”, polo que adoptarán as medidas necesarias para defender a estes compañeiros do “ataque” da empresa.

ÚLTIMAS

Gonzalo Caballero proposto polo PSOE de Vigo como candidato galego ás europeas

A asemblea do Partido Socialista de Vigo propuxo ao que fora secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero,...

Stellantis Vigo espera que o Perte se resolva “a final de mes”

O director da planta viguesa do grupo automobilístico Stellantis, Ignacio Bueno, ve "difícil" superar...

Claudio Giráldez renova como adestrador do Celta ata xuño de 2025

O adestrador galego Claudio Giráldez renovou este xoves o seu contrato como técnico do RC...

Atraso de 40 minutos na liña A Coruña-Vigo por un conato de incendio nun coche do tren

Un conato de incendio declarado entre dous coches dun tren que cobre a liña...