O presidente da Cámara de Comercio de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía de Arousa, José García Costas, pediu este martes “diálogo e ambición” para que España poida acoller unha das xigafactorías de baterías do grupo automobilístico Stellantis, “que apontoaría tamén o futuro das plantas españolas, entre elas a de Vigo”.
Así o sinalou durante unha reunión mantida xunto co director da factoría de Balaídos, Ignacio Bueno, na que tamén estivo presente o vicepresidente primeiro do ente cameral, José Manuel Fernández Alvariño.
Os responsables da Cámara trasladaron a Bueno o seu “máximo apoio” á demanda da conexión á rede eléctrica de moi alta tensión para que se repare o “grave erro” da exclusión do enganche do polígono vigués á devandita rede. “Unha fábrica líder en Europa non pode estar a sufrir microcortes na subministración que afectan día si e día tamén á produción”, lamentou García Costas.
Durante o encontro, abordáronse tamén outros temas como as “limitacións” do proxecto estratéxico para a recuperación e transformación económica (Perte) do vehículo eléctrico para que o investimento que suporía unha nova plataforma industrial de vehículos eléctricos para a fábrica de Vigo poida optar a fondos europeos.
A Cámara de Comercio informou a Bueno da rolda de contactos que está a levar a cabo a nivel estatal para lograr unha “fronte común” de apoio a estas demandas que blinde o futuro “dunha empresa tractora da economía galega”.
“O Goberno debe loitar por atraer investimentos que estamos a ver que se escapan aos países veciños, aos nosos directos competidores, que ven así garantida a viabilidade das súas plantas na transición ao coche eléctrico”, indicou Fernández Alvariño.
Pola súa banda, García Costas subliñou que os investimentos estratéxicos en Europa van estar centradas nas baterías e nos microchips, polo que España “non pode quedar á marxe”.