InicioSociedadeUnha empresa de Vigo despide unha muller tras anos de acoso por...

Unha empresa de Vigo despide unha muller tras anos de acoso por quedar embarazada

A empresa Termocalor de Vigo, que xa fora sancionada con 20.000 euros, rescindiulle o contrato unha vez rematada a redución de xornada.

PUBLICADO O

- Advertisement -

A CIG convoca unha mobilización este xoves diante do SMAC en Vigo para esixir a
readmisión dunha traballadora da empresa Termocalor de Vigo despedida recentemente ao rematarlle a redución de xornada por embarazo. O Tribunal Supremo confirmara en 2019 a sanción administrativa de 20.000 euros imposta á compañía por acoso laboral contra a empregada durante unha década e que se iniciara nada máis anunciarlle ao seu xefe que se atopaba en estado.

Na sentenza do TS recoñecíase a veracidade do acoso laboral por razón de xénero entre os anos 2008 e 2010, situación que continuou ata que a traballadora foi despedida o pasado 10 de marzo nada máis rematarlle a redución de xornada, unha vez que o seu fillo cumpriu 12 anos. Daquela, asesorada pola CIG, lograra que lle restituísen o horario para traballaba só de mañá, que lle recoñecesen como enfermidade laboral a baixa por ansiedade que tivo que coller e que a indemnizasen con 3000 euros por danos e prexuízos.

O acoso, explica a CIG nun comunicado, iniciouse nada máis comunicar na empresa o primeiro embarazo, pero agravouse dous anos despois cando decide ser nai por segunda vez. Aí, optaron por cambiarlle o horario e obrigarlle a facer as cinco horas de redución a xornada partida (dúas pola mañá e tres pola tarde). “Para min era imposible, porque precisamente collín a redución para traballar só de mañá e poder atender as crianzas pola tarde; non me daba tempo a comer nin a coidalas, polo que acabei cun estrés enorme e con ataques de ansiedade e tiven que coller unha baixa”, relatara entón.

Segundo prosegue a CIG, o propietario de Termocalor, Ramón Argudín, propúxolle que marchara da empresa, pero “non quería pagar a indemnización correspondente e pretendía que ela mesma renunciara ao seu posto”, polo que comezou unha “campaña de acoso laboral contra ela” que foi recoñecida polos tribunais. Agora, unha vez rematada a redución de xornada, a empresa optou, explica o sindicato, por rescindirlle o contrato aludindo “supostas causas disciplinarias”. “En realidade responde a unha represalia e constitúe unha clara vulneración dos seus dereitos fundamentais”, asegura a CIG.

Diante disto, a central sindical xa presentou unha demanda para reclamar a nulidade do despido e convocou unha mobilización que coincide co acto de conciliación no SMAC previo á celebración do xuízo.

ÚLTIMAS

Absolto o acusado de violar a unha moza durmida pola falta de consistencia da versión da denunciante

A sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, ditou sentenza na que...

Condenan a 2 anos de cárcere a unha americana que estafou máis de 158.000 dólares a unha firma viguesa de produtos do mar

A sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, acolleu este...

A xuíza acorda o arquivo da causa contra o detido na rúa Mestre Montes por agredir supostamente á súa nai cun garfio

A xuíza de instrución 2 de Vigo acordou o sobresemento e arquivo das actuacións...

Detidos dous homes na rúa Cánovas del Castillo por supostos roubos con forza no interior de 15 coches estacionados

Axentes da Policía Nacional da Comisaría de Vigo detiveron a dous homes como presuntos autores de...