O portavoz do PP no Concello de Vigo, Alfonso Marnotes, mostrou a súa preocupación ante o crecente aumento do vandalismo na cidade e denunciou a “dramática diminución” de efectivos policiais desde que Abel Caballero é alcalde.
Neste sentido, Marnotes indicou que “non hai fin de semana” no que non se produzan desfeitas no mobiliario público ou malleiras nas rúas. Uns episodios que, segundo o PP vigués, reprodúcense de forma “xeneralizada” polo que “hai que porlles freo”.
“Desfeitas no patrimonio urbano, pelexas e liortas, ataques homófobos, botellóns incontrolables, ruídos e molestias que teñen fartos aos veciños e á Policía Local desbordada”, lamentou o edil ‘popular’.
A este respecto, denunciou a “dramática diminución” dos efectivos policiais que contan, na actualidade, con 100 axentes municipais menos desde que goberna Abel Caballero, segundo cifras do PP.
“O alcalde deixou a seguridade de lado. Temos menos policías e máis necesidades. Co persoal actual (270 axentes) é imposible controlar os fins de semana e conter e disuadir estes actos de violencia e vandalismo”, engadiu.