O xulgado de instrución 4 de Vigo absolveu a un pai acusado dun delito leve de ameazas a un profesor, con quen tivo unha discusión por non permitir o docente que a súa filla entrase no colexio sen máscara o pasado 20 de abril, día en que se publicou o Real Decreto que deixaba sen efecto a obrigación de usar o cubrebocas en interiores.
Segundo a versión do denunciante, os feitos ocorreron á entrada do centro, cando o acusado acudiu coa súa filla, e o profesor, que estaba a vixiar a entrada dos alumnos, advertiulle de que non podería entrar ao colexio se non se puña a máscara.
No xuízo, o profesor relatou que, aínda que se publicou ese día o Real Decreto que exime do uso de máscara en interiores, o colexio non recibira aínda instrucións claras por parte da Consellería de Educación da Xunta, administración competente en materia educativa.
O docente explicou que, nese momento, o pai da alumna comezou a increpalo e a dirixirlle insultos como “atontado”, polo que o profesor optou por pechar o enreixado de entrada do colexio “ata que se acougase a situación”. A continuación, o pai ameazouno con “rebentarlle” a cabeza, motivo polo que denunciou os feitos ante a Policía Nacional.
Unha testemuña que prestou declaración, outro profesor do centro, corroborou a versión do denunciante, e explicou que foi requirido polo profesor para presentarse na entrada do colexio, onde comprobou que o pai “ameazou ao profesor”, chamouno “pallaso e atontado”, e xerou unha situación de “tensión”.
Así mesmo, confirmou que a dirección do centro estaba reunida nese momento, precisamente para saber como proceder co uso das máscaras e que, tras consultar con eles e coa Inspección de Educación, optouse por deixar entrar no colexio aos alumnos que non levasen máscara.
Pola súa banda, o acusado negou as ameazas, aínda que recoñeceu que se alterou ao negarlle o profesor a entrada á súa filla. “Díxenlle que non tiña obrigación de levar a máscara e pechoume o enreixado nos fuciños”, afirmou, aínda que matizou que non ameazou con “rebentarlle” a cabeza, senón que lle dixo “que estaba mal da cabeza”.
ABSOLUCIÓN
Finalmente, o xuíz dirixiuse ao denunciante para preguntarlle se desexaba que o pai fose condenado penalmente, o que suporía imporlle unha sanción económica de 1 a 3 meses, por unha cantidade conforme ás posibilidades do denunciado.
O profesor afirmou que non desexaba esa condena, polo que o maxistrado, ao retirarse a acusación, absolveu ao acusado, ditando sentenza ‘in voce’ na propia sala.