O Centro Social Afundación de Vigo acollerá este mércores a entrega dos Premios Ardán a unha ducia de empresas, e ao exministro Salvador Illa, tras o adiamento da cerimonia, que ía celebrarse a mediados de febreiro, pero foi suspendida polo loito decretado tras o naufraxio do ‘Villa de Pitanxo’.
Así, esta semana farase entrega dos recoñecementos a 12 empresas galegas que obtiveron entre 4 e 6 indicadores de excelencia, así como ao exministro de Sanidade, Salvador Illa, pola súa xestión durante a pandemia de Covid. O acto contará coa intervención de Antonio Garrigues Walker, que pronunciará a conferencia ‘Novo paradigma económico’.
O delegado do Estado en Zona Franca, David Regades, trasladou a súa satisfacción por poder retomar estes galardóns, “moi valorados polas empresas”, e que supoñen un recoñecemento “ao traballo ben feito”. Os premios outórganse en función dos datos obxectivos trasladados polas propias empresas nas súas contas de resultados e no informe Ardán elaborado cada ano.
Regades apuntou tamén que Salvador Illa será recoñecido porque “as súas decisións á fronte do Ministerio de Sanidade foron fundamentais en momentos moi críticos e serviron para salvar vidas, clave para manter o emprego, a industria e a economía”.
INDICADORES ARDÁN
O Consorcio da Zona Franca de Vigo, a través do Servizo de Información Empresarial Ardán, elabora desde 1995 os indicadores de Boas Prácticas Empresariais. Obteñen Indicador Ardán as empresas que superan os valores esixidos en varios índices: Empresa de Alto Rendemento, Empresa Ben Xestionada, Empresa ‘Gacela’, Empresa Xeradora de Riqueza, Empresa de Alta Produtividade, Empresa Global, Empresa Innovadora, Empresa Circular, Empresa Igual en Xénero e Xestión do Talento.
Das 33.750 empresas analizadas soamente o 5% conseguiu un ou máis indicadores. No ano 2021, 1.625 empresas galegas foron merecedoras dalgún indicador, o 5% do total de compañías galegas dispoñibles no Servizo de información Ardán, que supoñen o 37% dos Ingresos de Explotación e o 53% do Valor engadido Bruto da economía galega.
Este ano recibirán o seu recoñecemento, ademais de Salvador Illa, as empresas Igalia, Corunet, Hermasa Canning Technology, Garmir Mantemento e Servizos Industriais, Rodamientos Vigo, Instituto de Estudos Celulares e Moleculares, Ovapiscis, Lugar da Veiga, Citic HIC Gándara Censa, Ceamsa, Ayan Loxística e Polirros.