InicioEconomíaCaballero advirte de que queda polo menos un ano de tramitación urbanística...

Caballero advirte de que queda polo menos un ano de tramitación urbanística en Navia

A Xunta acusa o Concello de "paralizar" e pídelle "axilidade" para que as súas "pedras no camiño" non repercutan "no peto de todos os galegos".

PUBLICADO O

- Advertisement -

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, advertiu este venres de que queda “un ano” de tramitación urbanística para o primeiro polígono da ampliación de Navia, polo que o prazo é algo maior para os outros dous polígonos, e volveu instar a Xunta a asinar o convenio para comprometerse a construír o instituto, e a encargar xa o proxecto.

Nunha rolda de prensa, o rexedor explicou que o proxecto de urbanización do polígono 1 de Navia foi aprobado este mesmo venres pola Xunta de Goberno Local (despois de recibir luz verde hai dúas semanas na Xerencia de Urbanismo) e que agora se abrirá un prazo de exposición pública.

A partir dese momento, a tramitación entra na fase de recepción de alegacións e estudo delas, polo que “a toda a tramitación queda un ano”, segundo os cálculos do goberno vigués. Consecuentemente, a tramitación dos polígonos 2 (onde vai o IES) e o 3 alongarase un ano e unhas semanas máis, porque aínda están pendentes de aprobación inicial pola Xunta de Goberno.

Así as cousas, as 1.600 vivendas protexidas anunciadas pola Xunta esas parcelas non poderán empezar a construírse, do mesmo xeito que non poderán empezarse os traballos de urbanización ou a construción do instituto, ata o visto e prace definitivo por parte da administración municipal.

No entanto, o rexedor reclamou á Xunta que encargue “xa” o proxecto para a construción do IES. Respecto diso, insistiu en que o goberno autonómico debe asinar o convenio proposto polo Concello hai dous anos, e que recolle que o consistorio cederá os terreos e a Consellería de Educación se compromete a construír a dotación educativa.

Eses terreos aínda non son titularidade municipal, aínda que Abel Caballero explicou que “ese chan o vai recibir o Concello”. Cuestionado acerca de se rexeita a proposta da Xunta de que haxa unha cesión directa da parcela desde o Instituto Galego de Vivenda e Solo a Educación (sen pasar polo Concello), o alcalde reiterou que, “se é legalmente posible”, avalará a “vía máis rápida”.

En todo caso, o rexedor indicou que a Xunta non acepta asinar o convenio porque “non teñen intención” de construír o instituto. “Enganáronnos tantas veces que queremos todo por escrito, non imos coller chan sen un convenio antes”, aseverou.

“PARALIZACIÓN”

Pola súa banda, a delegada territorial da Xunta, Marta Fernández-Tapias, lamentou que o goberno local non sometese aínda a información pública o proxecto de urbanización do polígono 1, que lle foi remitido por primeira vez ao Concello en maio do ano pasado. Segundo incidiu, o proxecto definitivo atrasouse polos requirimentos do propio Concello olívico que, ademais, encareceron o importe de licitación.

Segundo lembrou o goberno galego, as obras de urbanización xa saíron a licitación por 11,45 millóns de euros, pero non se poderán adxudicar e realizar ata a aprobación definitiva do proxecto, que segue “paralizado na administración municipal”. Fernández-Tapias volveu pedir “axilidade” ao Concello para que as súas “pedras no camiño” non repercutan “no peto de todos os galegos”.

ÚLTIMAS

O TSXG dá a razón ao Concello de Vigo no caso do concerto de Guns N’ Roses e evítalle pagar 1,5 millóns á promotora

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) estimou o recurso presentado polo Concello...

Caballero carga contra Rueda polo ‘non’ á Facultade de Medicina en Vigo: “Defende un privilexio feudal”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, volveu arremeter este luns contra o presidente da...

Recollen xa o 75% do aceite de palma vertido no porto de Vigo

O dispositivo de limpeza posto en marcha tras o vertido duns 100.000 litros de...

A Fiscalía pide tres anos de prisión para un home acusado de estafar a unha muller cun falso anuncio de aluguer en Vigo

A Fiscalía solicita tres anos de prisión para un home acusado de estafar a...