InicioEconomíaStellantis aposta pola relevancia da dixitalización para a competitividade

Stellantis aposta pola relevancia da dixitalización para a competitividade

O vicepresidente segundo da Xunta, Francisco Conde, sinala que a aposta pola innovación que Galicia consiga facer "vai ser determinante" para afrontar os retos de dixitalización e transición ecolóxica.

PUBLICADO O

- Advertisement -

A Xunta, Telefónica, Stellantis e a Universidade de Vigo destacaron este venres a relevancia da dixitalización e da innovación para “blindar” o futuro e a competitividade da industria e en xeral das empresas galegas.

Así o sinalaron no ‘I Encontro Ágora. A innovación tecnolóxica e a súa importancia na competitividade da industria‘, que foi organizado pola cátedra Telefónica-Universidade de Vigo.

Por parte da Xunta asistiu o vicepresidente segundo da Xunta e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, quen asegurou que apostar pola innovación significa “blindar” o futuro e a competitividade da industria galega nun escenario de transformación dixital e enerxética.

Durante a súa intervención, Conde destacou que a recuperación económica teñen que basearse na colaboración público privada, polo que esta é a fórmula coa que a industria galega, co apoio da Xunta, opta aos fondos europeos.

Neste sentido, remarcou que a aposta pola innovación e o talento que Galicia consiga facer desde o público, da man de centros como a Universidade de Vigo, e desde a iniciativa privada, “vai ser determinante” para afrontar os retos de dixitalización e transición ecolóxica.

Na mesma liña falou o director do Territorio Norte de Telefónica España, Manuel Alonso, quen indicou que a pandemia acelerou os procesos de dixitalización das empresas e a guerra de Ucraína está a provocar unha maior concienciación sobre a importancia da ciberseguridade.

Para el, a sustentabilidade debe ser un elemento “transversal” a calquera innovación que leve a cabo na industria, e convértese nun elemento “crave” na competitividade.

Por iso, a implementación de tecnoloxías como o 5G de Telefónica, engadiu Alonso, “contribúen a esa sustentabilidade porque reducen sensiblemente o consumo, e os servizos que poden derivar dela, como o BIG Data, a Internet das cousas ou a intelixencia artificial permitiron que os clientes apoiados por Telefónica reducisen as súas emisións de carbono en 8,7 millóns de toneladas“, reivindicou.

O director da factoría de Stellantis Vigo, Ignacio Bueno, agradeceu o apoio da Universidade de Vigo e subliñou que a estratexia da compañía tamén está ligada á sustentabilidade, con catro plataformas de vehículos eléctricos que están en desenvolvemento e que no ano 2025 comezarán a ver a luz.

Bueno subliñou que a transformación da compañía vai ligada ao mundo dixital, con novos elementos que xa están e chegarán ao alcance dos clientes das distintas marcas do grupo automobilístico e que permitirán unha condución máis segura e conectada.

O reitor da UVigo, Manuel Reigosa, destacou o esforzo tecnolóxico que supuxo a pandemia, cando a Universidade tivo que recortar gastos de diferentes partidas para dedicar máis financiamento á dixitalización e a permitir o desenvolvemento de tecnoloxía para realizar clases ‘en liña’.

ÚLTIMAS