InicioEconomíaA Xunta dá luz verde á licitación da urbanización do primeiro dos...

A Xunta dá luz verde á licitación da urbanización do primeiro dos novos polígonos de Navia

Entre este polígono e os outros dous incluídos na ampliación do barrio, a Xunta prevé impulsar a construción de 1.600 vivendas protexidas.

PUBLICADO O

O Consello da Xunta de Galicia autorizou este xoves a licitación das obras de urbanización do primeiro do tres polígonos nos que se divive a ampliación do barrio de Navia, en Vigo, cun importe de 11,4 millóns de euros, o que permitirá avanzar no desenvolvemento de vivendas de protección.

Este primeiro polígono abarca case 100.000 metros cadrados e faranse traballos de pavimentación, sinalización de vías e semaforización, ademais de xardinaría, equipamento urbano (incluída unha zona de exercicios e outra de xogos), saneamento, iluminación ou telecomunicacións, entre outros servizos.

Ademais, neste ámbito prevese a construción de 733 vivendas protexidas, das que 207 serán de promoción pública, outras 331 serán construídas por cooperativas e promotores (para o que se convocará un concurso para a adxudicación das parcelas), e 195 corresponderanse a permutas de chan. No que respecta ás vivendas construídas pola Xunta, o investimento previsto é duns 28,5 millóns de euros.

A adxudicación das obras de urbanización e a construción destas vivendas dependen, no entanto, da aprobación definitiva, por parte do Concello de Vigo, do proxecto de urbanización.

Segundo a Xunta, o proxecto foi remitido á administración local “hai case un ano” e, desde entón, o Concello fixo “múltiples requirimentos” que foron dilatando a tramitación e modificando o proxecto por “cambios de criterio”, o que supuxo un incremento de custos de 2,4 millóns. “En menos dun ano a Xunta tivo que responder ata tres veces aos sucesivos informes e observacións (…) sen que o Concello fose capaz de emitir un único documento con todos os seus requirimentos aos tres proxectos de Navia”, lamentou o goberno galego.

Entre este polígono e os outros dous incluídos na ampliación do barrio, a Xunta prevé impulsar a construción de 1.600 vivendas protexidas. Así mesmo, nas últimas horas, o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, anunciou a construción dun instituto durante unha visita a Navia.

“NON O QUEREN FACER”

Pola súa banda, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, insistiu este xoves en que a Xunta “non quere facer o instituto” porque a partida prevista nos orzamentos autonómicos é “ridícula”, e porque o goberno galego non quixo asinar unha proposta de convenio remitida desde o Concello hai dous anos, mediante o cal este se comprometía a ceder o terreo e a Xunta a construír esa dotación.

“Non o queren facer, só queren chegar a eleccións”, denunciou o rexedor, que tachou de “visita de propaganda electoral” o anuncio feito en Navia polo conselleiro. Ademais, engadiu, se é certo que a parcela que propoñen xa pertence á Xunta, “xa o pode facer”.

“A que esperan?”, engadiu, aínda que é certo que, para poder construír nesa parcela, é imprescindible que o Concello aprobe o proxecto de urbanización do polígono 2 da ampliación de Navia, no que está incluída.

ÚLTIMAS

A concelleira do PP de Vigo Irene Garrido presenta a súa renuncia para centrarse na súa actividade no Congreso

A concelleira do PP de Vigo Irene Garrido presentou este venres a súa renuncia...

Gonzalo Caballero proposto polo PSOE de Vigo como candidato galego ás europeas

A asemblea do Partido Socialista de Vigo propuxo ao que fora secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero,...

Stellantis Vigo espera que o Perte se resolva “a final de mes”

O director da planta viguesa do grupo automobilístico Stellantis, Ignacio Bueno, ve "difícil" superar...

Claudio Giráldez renova como adestrador do Celta ata xuño de 2025

O adestrador galego Claudio Giráldez renovou este xoves o seu contrato como técnico do RC...