O PP de Vigo denunciou este mércores que entidades que asinaron a súa adhesión á petición de indulto do exfuncionario condenado por ‘enchufar’ a unha cuñada de Carmela Silva nunha concesionaria municipal fixérono “coaccionadas”, e criticou a maneira de actuar “case mafiosa” do goberno local da cidade.
En declaracións aos medios durante unha visita ao Centro de Educación Especial Saladino Cortizo, a presidenta do PP vigués e delegada da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, sinalou que este caso foi “un escándalo desde o primeiro momento”.
Así, lembrou que un alto funcionario de Vigo foi condenado a máis de 5 anos de cárcere por propiciar a contratación dunha cuñada da presidenta da Deputación. Por eses contratos cobrou ao longo do tempo máis de 100.000 euros, sen realizar os traballos para os que foi incorporada á concesionaria. “Pero o escándalo definitivo é forzar a entidades da cidade a que asinen unha carta en apoio do indulto, no que o texto é o mesmo, e só cambia a firma e o título da entidade que o asina”, aseverou Fernández-Tapias.
A presidenta do PP de Vigo foi máis aló, e asegurou que no PP tiveron coñecemento de que entidades foron “coaccionadas para asinar esa carta, que os presionaron”. “Gustaríanos que esas asociacións conten quen eran as persoas que ían reunirse con eles para que asinasen e cal era a situación”, afirmou, á vez que lembrou que as asociacións adheridas á petición do indulto (un total de 36, de diversos ámbitos, ademais da exconcelleira socialista e presidenta da Fundación Érguete, Carmen Avendaño) reciben subvencións municipais sen as cales non poderían desenvolver a súa actividade. “Xa está ben de actuar da maneira case mafiosa como a que se actúa no Concello de Vigo”, proclamou.
“ESTRATEXIA ERRADA” DO PP
Por outra banda, o secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, tamén se referiu ao ‘caso enchufe’ de Vigo, en resposta a unha pregunta dos medios tras manter unha reunión co alcalde da cidade.
González Formoso, que nomeou a Carmela Silva presidenta do partido en Galicia tan pronto que como accedeu á secretaría xeral do PSdeG, eludiu opinar sobre esa condena ou sobre a petición de indulto do exfuncionario, e subliñou que “a estratexia do PP en Vigo é errada”. “Son lexítimas as súas aspiracións sobre a cidade, pero equivócanse nos métodos, e a cidade así llo fará saber nas próximas eleccións municipais”, resolveu.