Caballero acusa a Marea de Vigo e PP de mentir por denunciar a baixa execución do orzamento municipal de 2021

Segundo afirmou, os grupos da oposición "non se decatan" porque "os investimentos nunca dá tempo a facelas no ano, e o remanente pasa para o ano seguinte".

Abel Caballero / Concello de Vigo.

O grupo municipal Marea de Vigo denunciou este martes a baixa execución do orzamento de investimentos do Concello en 2021, e criticou que esa baixa execución “non está á altura” do nivel de ingresos, que se incrementou no pasado exercicio.

O portavoz do grupo, Rubén Pérez Correa, lembrou que en 2021 o Concello olívico incorporou todas as liñas de axudas provenientes do Goberno central pola pandemia, ademais dos remanentes e o superávit, superando os 352 millóns, dos que apenas se executaron o 69 %.

Respecto diso, sinalou que eses datos “deberían sacarlle as cores a calquera goberno que se diga progresista”, nun contexto de crise socioeconómica.

Así mesmo, apuntou que, no capítulo de investimentos, a execución quedou no 38 % dos 100 millóns orzados, mentres que o pago ás concesionarias ascendeu a 122 millóns de euros.

Para Rubén Pérez, é “especialmente sanguento” que os 25 millóns anunciados para investimentos acabasen sendo en total 100 millóns e que apenas se executaron 38. Nese sentido, aínda que admitiu que algúns proxectos anunciados están executados en parte, outros moitos nin sequera pasaron por mesa de contratación aínda.

Fronte a estas cifras, sinalou que a recadación por impostos está por encima do 100 %, é dicir, “os veciños de Vigo pagan mesmo máis que a previsión de ingresos, pero o goberno de Abel Caballero non executa nin a metade deses recursos”.

Rubén Pérez puxo algúns exemplos, como unha partida de axudas para aluguer, vivenda e alimentos de 526.000 euros, da que se executaron 86.000 euros, e criticou a “campaña publicitaria” que, ao seu xuízo, fai o alcalde coa execución orzamentaria, cando “os datos reais desmenten sistematicamente eses anuncios”.

CRÍTICAS DO PP

Tamén o PP denunciou este martes a baixa execución das contas municipais, “batendo unha nova marca” e “deixando sen gastar 120 millóns dos orzamentos. “É unha vergoña, un ano máis vemos como Abel Caballero non gasta o diñeiro que ingresa dos vigueses”, sinalou o portavoz do grupo, Alfonso Marnotes.

Segundo criticou, o rexedor anunciou máis dunha vintena de obras que “nunca chegaron a realizarse”, e puxo como exemplos a reforma da Avenida de Madrid, a da Avenida Clara Campoamor, a biblioteca de Teis, o pavillón de Matamá, a Panificadora ou o Paseo do Lagares.

Para Marnotes, o “máis grave” é a inejecución de partidas en áreas como Política Social, Plan de Emprego Xuvenil, Plan de Emprego para vítimas de violencia de xénero, ou en Cultura. Todo iso, repetiu, a pesar de que os vigueses pagan “os impostos máis altos de Galicia”.

Entre as taxas, destacou a “sanguenta” recadación en multas, que chegou a 6,4 millóns de euros en 2021, e arremeteu contra o rexedor por rexeitar os concertos do Xacobeo e pedir o diñeiro para organizalos desde o Concello. “Para que o quere? Para gardalo na hucha”?, cuestionou.

“MENTIREIROS POR NATUREZA”

Preguntado acerca destas críticas, o alcalde, Abel Caballero respondeu acusando a PP e a Marea de Vigo de ser “uns mentireiros por natureza”.

Segundo afirmou, os grupos da oposición “non se decatan” porque “os investimentos nunca dá tempo a facelas no ano, o remanente pasa para o ano seguinte”. “Se fixésemos todo o que estamos a facer executando só o 35 % sería maxia”, ironizou.

O que pasa é que son uns mentireiros patolóxicos, non queren contar como é (…), nun ano non dá tempo a facer licitacion, concurso e obra”, repetiu.

Finalmente, con respecto á recadación, xustificou o crecemento pola evolución da economía, e sinalou que todas as administracións ingresaron máis.

O alcalde aproveitou a ocasión para lembrar que, mentres que o Goberno central transfire 85 millóns de euros á cidade, a Xunta achega 5,5 millóns dos que hai que “descontar unha parte” que o Concello debe destinar a áreas que son competencia da Xunta. “O saldo entre Concello e Xunta é negativo para nós (…) iso é o que a min me importa, e é o que quero que contedes”, proclamou.