InicioVigo e contornaVigoStellantis Vigo recuperará en abril a quenda suspendida pola 'crise dos microchips'

Stellantis Vigo recuperará en abril a quenda suspendida pola ‘crise dos microchips’

Leva xa catro meses en parada ante a falta de material básico.

PUBLICADO O

- Advertisement -

A factoría do grupo automobilístico Stellantis de Vigo comunicou ao seu persoal este martes a continuación da actividade do cuarto equipo (fin de semana) no sistema de produción M2, que monta as furgonetas e monovolumes, e que fora suspendido o pasado mes de outubro polos problemas de aprovisionamento derivados da chamada ‘crise dos microchips’.

Así, segundo trasladou aos sindicatos nunha reunión, prevé retomar a actividade nesa quenda o próximo 9 de abril, ante unha situación “na que se mantén o forte atractivo” dos produtos de Stellantis no mercado, polo que se prevén “altos volumes de produción”.

A medida suporá a incorporación de novos traballadores contratados temporalmente, cunha estimación dunhas 600 persoas, segundo a empresa. Cando se suspendeu a quenda, resultaron afectados uns 750 operarios, dos que un centenar deixaron a planta neses momentos por finalizar os seus contratos, e o resto foron ‘recolocados’ (e, no caso dos eventuais, foron deixando a planta a medida que se extinguían os seus contratos).

Na reunión cos representantes do persoal, a empresa informou tamén do calendario de produción para febreiro, mes no que se prevé “alta actividade nos equipos, cunha quenda de noite de ampla apertura, con 4 domingos de traballo e fins de semana con saturación en sábados e alta actividade os domingos”.

No entanto, e dada a “situación excepcional” polos problemas de subministración (que xa levaron a parar a actividade na M1 o pasado domingo e o luns), os horarios e xornadas previstas poden sufrir alteracións. Tendo en conta esas reservas, a fábrica prevé unha produción de 2.300 vehículos ao día.

REFORMA LABORAL

A empresa trasladou aos sindicatos estas previsións e tamén abordou cos representantes dos traballadores o posible impacto que poida ter na planta a reforma laboral. Respecto diso, Stellantis Vigo manifestoulles a súa confianza en que “as evolucións lexislativas en materia laboral (…) non poñan en cuestión os mecanismos de flexibilidade” que se aplican na fábrica, e que son “un factor moi relevante de competitividade”.

De feito, entre os mecanismos postos en marcha, aprobáronse dúas ERTE, un para o ano pasado e outro para o exercicio en vigor, para afrontar as incidencias derivadas dos problemas de subministración. A regulación para 2022, aplicable durante un máximo de 75 días, afectará a todos os traballadores indefinidos que esgoten os seus días de adecuación, bolsa de horas e outras medidas de flexibilidade.

ÚLTIMAS

Detidas dúas mulleres en Redondela tras ser interceptadas nun coche roubado

Axentes da Policía Local de Redondela e da Policía Nacional detiveron a pasada madrugada...

SOS Sanidade Pública sinala ao Álvaro Cunqueiro como a “zona cero” dos recortes

A plataforma SOS Sanidade Pública de Vigo animou este venres a participar na manifestación...

O BNG esixe suspender a nova licitación do bus en Vigo para evitar unha “hipoteca” de nove anos

O Pleno do Concello de Vigo debaterá o vindeiro luns unha moción do BNG...

A Garda Civil investiga a unha veciña de Baiona por explotar e ameazar a mulleres estranxeiras “sen papeis”

A Garda Civil investiga a unha muller residente en Baiona (Pontevedra) como presunta autora...