InicioPolíticaO Goberno de Vigo insiste que a documentación do PXOM está "completa"...

O Goberno de Vigo insiste que a documentación do PXOM está “completa” ante as críticas por falta dalgúns planos

A concelleira de Urbanismo, María José Caride, atribuíu as críticas a "ganas de enredar", e asegurou que o documento aprobado polo pleno e que acaba de finalizar o seu período de exposición pública estaba "completo".

PUBLICADO O

O goberno municipal de Vigo defendeu este mércores a súa tramitación do novo Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), que foi aprobado inicialmente polo Pleno o pasado 26 de agosto (co único voto favorable do PSOE, a abstención de Marea e BNG, e o voto contrario do PP), ante algunhas denuncias veciñais e dos grupos da oposición sobre a posible ausencia de planos e documentos no expediente.

Nunha rolda de prensa, a concelleira de Urbanismo, María José Caride, atribuíu as críticas a “ganas de enredar”, e asegurou que o documento aprobado polo pleno e que acaba de finalizar o seu período de exposición pública estaba “completo”.

No entanto, matizou que si “houbo un erro” á hora de imprimir a documentación que estaba en “formato editable”, e quedaron fóra 10 planos. Ao decatarse desa circunstancia, explicou, o equipo redactor imprimiu os planos e remitiunos ao Concello, que comprobou que se correspondían cos mesmos que estaban no formato editable, selounos e remitiunos á Xunta.

As dúbidas dalgúns afectados suscítanse polo feito de que os planos incorporados a posteriori non teñen o visado do secretario do Pleno, polo que non estarían incorporados ao documento aprobado en agosto. Así mesmo, advertiron de que a Xunta requiriu ao Concello para que remitise a documentación que faltaba (case 70 planos) no expediente, nunha data posterior a esa sesión plenaria.

María José Caride insistiu este mércores en que “a documentación que aprobou o Pleno é completa”, e que foi a mesma que se someteu a información pública. “No proceso de xeración do formato non editable, que é unha copia en papel, faltaban 10 planos. Achegáronse, seláronse e visaron, e trasladáronse á Xunta, que non puxo ningún reparo”, recalcou a edila socialista.

ALEGACIÓNS

A concelleira confirmou que, pechado o prazo de exposición pública, o novo Plan recibiu 4.445 alegacións, moi lonxe das case 61.000 alegacións presentadas á PXOM de 2008, polo que é un documento “moito máis aceptado” e que xera “moito menos malestar social”.

Pola súa banda, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, defendeu que a novo PXOM é “extraordinariamente ben adecuado á cidade” e que conta con “amplísima aceptación social”, por iso advertiu de que o goberno municipal non vai permitir ” opinións indebidas ou xeración de sospeitas, por falsas”.

Ademais das denuncias dalgúns veciños, os grupos da oposición esixiron ao goberno local que aclare se o expediente da PXOM está completo. Así, Marea de Vigo reclamará que se explique se a documentación achegada constaba no documento aprobado en pleno porque “é mala noticia que un novo plan naza con dúbidas”, o que atribuíu ás “présas”; o BNG expresou a súa “preocupación” por esa posible irregularidade e lembrou que a PXOM de 2008 foi anulado precisamente por erros na tramitación; e o PP volveu a repetir que o novo plan é “unha chapuza tras outra” e esixiu aclaracións para evitar a “inseguridade xurídica”.

NOVA EXPOSICIÓN PÚBLICA

Por outra banda, o BNG deu a coñecer este mércores as súas alegacións á novo PXOM, que foi “elaborado na escuridade dos despachos, sen diálogo”, e reclamou que, ante as dúbidas suscitadas pola suposta falta de documentación, se abra un novo período extraordinario de exposición pública, e que se incorporen todos os informes sectoriais e o catálogo actualizado de bens da cidade.

A formación nacionalista presentou 29 alegacións ao documento, segundo explicou o concelleiro Xabier Pérez Igrexas, reclamando, entre outras cuestións, que se aclaren os cambios na cualificación do chan en diferentes ámbitos (e que contradín á ordenación provisional); que se axilice a planificación en detalle; que se retiren as ampliacións dos polígonos de Balaídos e Valadares; que se corrixa o “pelotazo” da ampliación de uso residencial en Samil; ou que se destine a estación de buses da Avenida de Madrid a uso sociocomunitario.

O BNG tamén reclama un axuste á baixa na previsión de nova vivenda, porque debe priorizarse a mobilización do actual parque de vivenda baleira; que se aborde a “gran tarefa pendente” do deseño dun novo modelo de mobilidade; ou que se introduzan melloras para a protección do patrimonio arqueolóxico e cultural.

Finalmente, piden “que se retire do Plan” o viario Beade-Bembrive (PO-010), pola súa importante “afección social e ambiental”, e pola “importantísima oposición veciñal” que xerou, e advertiu de que “non é aceptable” que se siga adiante con esa infraestrutura pola vía da “imposición”.

ÚLTIMAS

Asistidas un pai e a súa filla en Vigo tras producirse un incendio na súa vivenda

Dúas persoas, un pai e unha filla, necesitaron asistencia en Vigo este xoves tras producirse...

Emilio Sotelino ou a Asociación de Viúvas Demócratas entre os Vigueses Distinguidos 2024

O pleno de Vigo aprobou este luns por unanimidade nunha sesión extraordinaria os novos Vigueses...

O goberno de Vigo aproba o marco orzamentario ata 2027 e prevé investimentos por valor de 33 millóns cada ano

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que o goberno local aprobou o marco...

Pechados parques e espazos arbóreos da cidade de Vigo debido ao temporal

O Concello de Vigo restrinxiu por seguridade o acceso aos parques e espazos arbóreos...