InicioVigo e contornaVigoUnha persecución 'de película' en Vigo remata coa detención de dúas persoas...

Unha persecución ‘de película’ en Vigo remata coa detención de dúas persoas sen carné

A Policía Local tivo que golpear o vehículo para evitar que se dera á fuga. Chegaron a triplicar o límite de velocidade.

PUBLICADO O

- Advertisement -

A Policía Local de Vigo detivo na madrugada do pasado mércores, día 12 de xaneiro, a dúas persoas tras unha persecución por varias rúas da cidade cando foron interceptados circulando sen carné e chegando a triplicar a velocidade permitida. O suceso ocorreu sobre as 00,20 horas, cando unha unidade policial detectou na rúa Ricardo Mella a un vehículo que accedía da estrada do polígono do Caramuxo introducíndose a gran velocidade na vía principal.

Desta maneira, iniciaron un seguimento discreto do mesmo e, mentres, solicitaron datos do automóbil, pescudando que o titular carecía de carné de conducir e que o modelo non tiña nin seguro nin inspección técnica en vigor, segundo informou a Policía nun comunicado. Con esta información, os axentes activaron os dispositivos ópticos e acústicos para facer ver a súa presenza e ordenar ao condutor que detivese a marcha.

“Lonxe de facelo, acelerou en dirección á estrada de Camposancos con clara intención de evitar ser interceptado, adiantando a múltiples vehículos pasando para iso a liña longitudinal continua, chegando mesmo a obrigar a algún dos que circulaban en sentido contrario a realizar manobras evasivas para evitar chocar”, relataron os axentes.

No transcurso da persecución, os funcionarios puideron constatar que chegaron a alcanzar os 140 quilómetros por hora, case triplicando a velocidade da vía, limitada a 50 km/h. Tras dar aviso a outras unidades, uniuse á persecución un vehículo da Policía Nacional, que chegou a interceptar ao coche, bloqueando o seu paso, aínda que o condutor non minorou a marcha estando a piques de chocar contra os axentes.

A fuxida continuou polo barrio de Navia, tomando rotondas en sentido contrario e dirixíndose novamente ao polígono do Caramuxo. Foi alí onde os axentes embistiron contra a parte traseira do vehículo, facendo que saíse da vía. No entanto, os ocupantes abriron as portas e emprenderon a fuxida a pé, sendo perseguidos á carreira e finalmente interceptados. Resultaron ser unha muller, M.E.C.C. de Ferrol e 44 anos de idade, e un mozo, D.C.C. de Vigo e 18 anos de idade. Ambos foron detidos pola presunta comisión dun delito contra a seguridade viaria.

ÚLTIMAS

“Tiven que vivir na rúa dentro dun coche, co meu fillo menor de idade e dous gatos”, di unha estafada

Un estafador reincidente, condenado ata en tres ocasiones por casos similares, asegurou que descoñece...

Dúas persoas trasladadas ao hospital tras un incendio nunha vivenda en Samil

Dúas persoas tiveron que ser evacuadas este luns a un centro hospitalario por inhalación...

O BNG denuncia “opacidade” no custo do desfile das Forzas Armadas e o peche das Travesas

O BNG de Vigo denuncia a "opacidade" do goberno local de Abel Caballero sobre...

Vigo recibe este martes a súa primeira tripla escala de cruceiros con máis de 7.500 turistas

O Porto de Vigo acollerá este martes, día 22 de abril, a súa primeira...