A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, censurou a “fixación” que o alcalde de Vigo, Abel Caballero, ten coa Xunta de Galicia, e criticou os ataques “sen sentido” do rexedor vigués cara ao Goberno autonómico.
Neste sentido, falou dos temas aos que Caballero se referiu este mércores na súa rolda de prensa. En canto á Biblioteca do Estado, sinalou que o interese do Executivo autonómico para que Vigo conte non só con esta infraestrutura, senón coa mellor de cantas hai en Galicia, “non admite discusión”. “Reclamamos para Vigo o que el non fai. Queremos para Vigo unha biblioteca á altura da principal urbe de Galicia, a mellor de todas”, asegurou.
“O fácil é culpar á Xunta de todo. O difícil para Caballero é imporse aos seus compañeiros de siglas en Madrid. Ante eles ponse manso”, apuntou a representante autonómica na cidade nun comunicado.
“Caballero non pode seguir máis tempo escondendo tras a Xunta o fracaso das súas negociacións en Madrid”, advertiu a delegada, quen lembrou que os Orzamentos Xerais do Estado recollen “unha miseria” para a redacción dun proxecto que, ademais, “queda reducido á metade, moi por baixo dos 8.000 metros cadrados que reclama o Executivo autonómico para cubrir as necesidades desta cidade”.
En canto ao tema da vivenda social, lembrou que nos últimos anos a única partida de acceso á vivenda que se deixou sen executar foi a correspondente á ampliación de San Paio de Navia, “debido precisamente aos atrasos e bloqueos do Concello de Vigo, primeiro para a aprobación do plan parcial e despois para os proxectos de urbanización“. “En total, 8 millóns de euros que a Xunta leva varios anos consignando e que Caballero impide que se executen”, lamentou.
Por último, Fernández-Tapias volveu a facer referencia á publicación do ‘The New York Times’ sobre Cíes. “Este alcance internacional non é froito dun día, senón do labor constante por parte do persoal deste espazo durante os últimos anos e dos estritos esforzos que se fan para a súa conservación“, dixo, para lembrar que a xestión do parque corresponde á Xunta de Galicia.