InicioVigo e contornaVigoCríticas á Renfe pola liña Coruña-Vigo: "non serve para ir a traballar"

Críticas á Renfe pola liña Coruña-Vigo: “non serve para ir a traballar”

As protestas chegan polos "continuos atrasos" dos convois e a decisión da Renfe de adiar o tren das 8.00 ás 8.30.

PUBLICADO O

- Advertisement -

Usuarios de servizos de media distancia ferroviaria entre Vigo e A Coruña denunciaron as dificultades ás que se enfrontan os traballadores que se desprazan en tren para acudir ao seu posto polas frecuencias establecidas por Renfe, á que afean que non rectifique un modelo “completamente desfasado” e que “aínda non recuperou a normalidade” tras a supresión de servizos durante a pandemia.

Tras coñecerse a decisión de Renfe de adiantar ás 08,00 horas o tren que partía da cidade olívica cara á Coruña ás 08,30 horas, a plataforma de usuarios de Media Distancia en Galicia asegura que esta medida “non soluciona nada” porque, con este novo horario, as persoas continúan chegando tarde a traballar.

“Os horarios non serven”, sinalan fontes da plataforma, que solicitou xa unhas 200 queixas colectivas relativas aos servizos no eixo atlántico (A Coruña-Vigo) e outras 180 na liña entre A Coruña e Ourense sobre as frecuencias e horarios establecidos por Renfe.

Lamentan que os servizos para os miles de persoas que se moven entre cidades e vilas galegas en tren para traballar ou estudar non se adaptan ao horario laboral ou docente, ao que se suma, segundo remarcan, os “continuos atrasos”.

Achacan esta situación a que Renfe mantén un modelo “completamente desfasado” e “falto de investimentos durante anos” para unha liña que, no caso do eixo atlántico de Galicia, é “o cuarto corredor de España” en volume de pasaxeiros, cuns 2 millóns anuais que, segundo as estimacións, poderían alcanzar os 3 nos próximos anos.

O problema, segundo denuncian fontes da plataforma articulada para demandar cambios nas frecuencias e investimentos para modernizar as liñas, é que os servizos non encaixan cos horarios de entrada e saída en postos de traballo en administracións ou entidades financeiras.

O colectivo pon de exemplo que os servizos de media distancia á primeira hora do día entre Vigo e A Coruña teñen saída teñen chegadas ás 08,13h, 08,20h ou 09,20 horas, que consideran “incompatibles” coa entrada en “moitos” postos de traballo.

Para o regreso, denuncian que os trens que parten ás 15,00 horas da Coruña e Vigo tampouco son compatibles cos horarios de saída. “Antes tiñamos un tren que saía ás 15,30 horas e atendía a moitos usuarios. O das 15,00 xa non nos serve”, censuran desde a plataforma, que demanda un servizo de madrugadores e unha frecuencia axustada aos horarios de saída.

O colectivo de usuarios lamenta a falta de resposta por parte de Renfe ás solicitudes de reunión remitidas para trasladar as súas demandas, entre as que tamén inclúen a “flexibilización” das condicións do abono mensual de media distancia, que rolda os 300 euros e que, aseguran, “non compensa” para moitos viaxeiros que, con todo, non teñen outra alternativa para desprazarse aos seus postos de traballo.

ÚLTIMAS

O BNG leva ao Congreso rexeitar a prolongación da A-52 e liberar a AP-9 como “alternativa máis sustentable”

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, defenderá este martes unha proposición non de lei...

Piden 12 anos de prisión para un home por supostamente agredir sexualmente a un menor de 16 anos en Vigo

A sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, xulgará o vindeiro mércores,...

A Xunta tomará “as accións necesarias” e non descarta a vía xudicial para defender o centro de asociacionismo olívico

A Xunta de Galicia emprendará "as accións necesarias" e non descarta a vía xudicial para defender...

A xuíza denega citar á concelleira de Festas polo accidente mortal de Matamá

A xuíza volveu denegar a citación da concelleira de Festas do Concello de Vigo, Patricia...