O pleno extraordinario solicitado polos grupos municipais de Vigo para reclamar “explicacións” ao goberno local tras a sentenza que ratifica a condena a un funcionario vigués por ‘enchufar’ unha cuñada da concelleira e presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, celebrarase o próximo 29 de decembro.
Así, a celebración desta sesión foi solicitada o pasado 17 de decembro, vía rexistro, polos grupos do PP, Marea de Vigo e BNG, que reúnen os sete edís esixidos, como mínimo, polo regulamento do pleno do Concello da cidade olívica. Este pleno terá lugar o vindeiro mércores, ao termo do pleno ordinario.
Os concelleiros da oposición pactaron rexistrar esta solicitude, e tamén o contido do acordo que se someterá a debate e votación. A ese respecto, pedirán que o pleno exprese o seu rexeitamento ás prácticas “corruptas” e o “enchufismo”; a reprobación de Carmela Silva e do alcalde, Abel Caballero; e a constitución dunha comisión especial de investigación para coñecer por que un alto funcionario promoveu a contratación dunha familiar directa da primeira tenente de alcalde, ou por que o Concello non se personou no proceso xudicial a pesar de que se malversaron 108.000 euros de diñeiro público.
A proposta que irá a pleno tamén contempla a creación dunha Oficina Municipal Anticorrupción “con todos os medios necesarios” e “autonomía funcional”; e a petición de que se constitúa a Comisión Informativa de Vixilancia da Contratación do Concello.
CRÍTICAS DA OPOSICIÓN
O BNG xustificou hai uns días a necesidade de que se celebre esa sesión ante “o maior caso de corrupción da historia do Concello de Vigo”, no que máis de 100.000 euros de diñeiro público foron a parar “ao peto” dunha familiar directa de Carmela Silva “por non prestar nin un minuto de servizo”.
Marea de Vigo sostén que o pleno extraordinario debe servir para que se dean explicacións e se tomen medidas, e rexeitou entrar “no xogo do PP”, que quere promover o pleno para pedir a dimisión de Silva. En relación á sentenza do Supremo, este grupo sinalou sempre que é un reflexo das consecuencias derivadas do sistema de nomeamento de xefaturas de servizo, altos funcionarios cuxas decisións están condicionadas polos políticos que os nomearon.
O grupo municipal do PP enmarca esta sesión plenaria nunha campaña de denuncia que, tanto a nivel local como provincial, emprenderon os seus representantes para reclamar explicacións ao alcalde e a Silva por ese ‘enchufe’. De feito, os ‘populares’ tamén solicitaron un pleno na Deputación de Pontevedra sobre este asunto, pero dita solicitude foi denegada, ao amparo dun informe xurídico que sostén que este órgano non ten competencias para debater esta cuestión.