A Universidade de Vigo e o Instituto de Investigación Sanitaria (ISS) Galicia Sur reeditaron este martes o convenio de colaboración entre ambas as institucións, que permitirá manter o impulso á investigación e encarar con máis garantías a recta final no proceso de acreditación da ISS por parte do Instituto de Saúde Carlos III.
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, asinaron o convenio nun acto no que tamén participou o xerente da área sanitaria de Vigo, Javier Ponte, como representante da Fundación Biomédica Galicia Sur.
O acordo, que ten unha vixencia de 4 anos (con posibilidade de prórroga) reforza a parte xurídica e de xestión do Instituto de Investigación Sanitaria e servirá para sentar as bases da nova política de investigación e para adaptar estruturas e obxectivos á realidade científica actual e futura.
Ademais, tamén detalla as infraestruturas que achega cada unha das partes: o Sergas porá as unidades de Microscopía, Xenómica, Cultivo Celular, Metodoloxía e Estatística, o Biobanco e os laboratorios; mentres que a Universidade achegará as instalacións do CACTI e do CINBIO, e a Fundación Biomédica Galicia Sur cede o persoal e o traballo de xestión.
Tras a firma do convenio, o Consello Reitor do IIS Galicia Sur mantivo unha reunión na que se deu conta da actividade do organismo durante o ano 2020 no que, a pesar da pandemia de Covid, o crecemento do IIS non se freou, segundo explicou o seu director científico, José Ramón Fernández Lorenzo.
Así, no seu balance referiuse aos máis de 400 artigos en diferentes publicacións científicas, ou aos 136 proxectos de investigación activos (123 asinados durante 2020). Tamén lembrou que na ISS traballan 873 profesionais, a maioría mulleres.
Na reunión tamén se deu a benvida aos novos vogais do Consello Reitor, que queda conformado polo conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña (presidente); o reitor da UVigo, Manuel Reigosa (vicepresidente); o xerente da área sanitaria, Javier Ponte (vogal); o xerente da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde, ACIS, Antonio Fernández-Campa (vogal); o director científico do IIS, José Ramón Lorenzo (vogal); a directora da Fundación Biomédica Galicia Sur, Beatriz Gil (vogal); e os médicos Alberto Fernández Villar e Juan Turnes.
Por parte da Universidade, forman parte do Consello Reitor como vogais a vicerreitora de Investigación, María Belén Rubio; o director do CINBIO, Miguel Ángel Correa; a investigadora do departamento de Inmunología, África González; e o investigador principal do grupo de Xenómica e Biomedicina, David Posada.