InicioSucesosOs roubos en pisos de Pontevedra e Vigo embazan un verán "moi...

Os roubos en pisos de Pontevedra e Vigo embazan un verán “moi tranquilo” na provincia

As estafas por Internet increméntanse máis dun 20%.

PUBLICADO O

A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, sinalou que “en liñas xerais, o verán foi moi tranquilo no que respecta á delincuencia”, aínda que se rexistraron episodios dalgúns roubos en domicilios en Pontevedra e Vigo, o que “sempre xera moita intranquilidade entre a cidadanía”.

Así se pronunciou este mércores tras participar xunto a responsables das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado na reunión da xunta provincial de seguridade, onde se abordaron os datos dos actos delituosos rexistrados na provincia do 1 de xuño ao 31 de agosto. Estes evidencian un descenso nas infraccións penais en comparación co mesmo período do ano anterior.

A subdelegada indicou que os delitos contra o patrimonio, é dicir os roubos e furtos en domicilios e establecementos, “rexistran unha tendencia á baixa no verán”, con descensos superiores ao 10%. Así, os roubos con violencia descenderon na provincia un 29%, os roubos en establecementos, un 25%, e as subtraccións en vehículos, un 42%.

Con todo, aos responsables provinciais preocúpalles o gran aumento de denuncias por estafas leves en Internet. Na provincia este tipo de delitos creceu por encima do 20% e xa representan na demarcación da Garda Civil o 30% das denuncias presentadas no acumulado anual.

CONSECUENCIAS DAS RESTRICIÓNS

A subdelegada do Goberno en Pontevedra analizou tamén xunto aos mandos policiais o efecto das restricións na hostalaría e no lecer nocturno decretadas con motivo da pandemia da Covid-19, que xeraron un efecto de concentración de persoas nos horarios de peche destes establecementos.

Larriba sinalou que “se afrontaron dentro das posibilidades das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado” e “sempre dentro do efecto da proporcionalidade para evitar enfrontamentos e danos maiores”.

Por último, anunciou que a Oficina Móbil do Peregrino estenderá a súa operatividade durante todo o mes de setembro dada a súa gran acollida. A Garda Civil puxo en marcha este servizo durante os meses de xullo e agosto no trazado do Camiño de Santiago que atravesa a provincia. A maior actividade realizada por estes axentes foi a de asesoramento e información, recollendo apenas algunha pequena denuncia de perda de documentación.

SITUACIÓN NAS PRINCIPAIS CIDADES

De acordo cos datos por localidades proporcionados pola Policía Nacional, en Marín constátase un descenso dos furtos leves do 32%. En Vilagarcía de Arousa descenden todos os delitos, destacando as baixadas inscritas nos roubos con violencia (-16%), os roubos con forza (-17%), e os delitos contra o patrimonio (-5%).

En Vigo, todos os indicadores sitúanse tamén en negativo, sendo a subtracción en vehículos o delito que rexistra un maior descenso, do 46%, seguido dos roubos en establecementos (-37%) e os roubos con violencia (-35%). En total, as infraccións penais descenden na cidade olívica un 5%.

Mentres, na cidade de Pontevedra, aínda que o índice de infraccións penais aumenta nun 1,6%, debido, en gran parte ás estafas por Internet, a subtracción en vehículos descende un 50%. Ademais, os roubos con violencia diminúen nun 16%, os roubos en establecementos baixan un 14 % e os furtos redúcense un 19%.

ÚLTIMAS

Vigo supera de novo os 300.000 habitantes, “de longo a maior cidade de Galicia”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que a cidade volveu a superar os 300.000 habitantes...

Gonzalo Caballero proposto polo PSOE de Vigo como candidato galego ás europeas

A asemblea do Partido Socialista de Vigo propuxo ao que fose secretario xeral do...

Case nove de cada dez usuarios da Asociación Érguete en Vigo comezou a consumir drogas antes dos 18 anos

Preto do 88% dos usuarios da Asociación Érguete en Vigo comezou a consumir drogas antes...

Piden seis anos para un acusado por tocamentos a unha menor en Vigo

Un home que foi xulgado este xoves na sección quinta da Audiencia Provincial de...