
O colectivo de bombeiros de Vigo denunciou este martes o traslado dos efectivos do parque de Balaídos a unha sede provisional nas instalacións da antiga EDAR de Coruxo (mentres non se constrúe o novo parque en Esturáns), e criticaron que a nova localización “non cumpre os requisitos” para que poidan desenvolver o seu traballo e que tampouco se informou aos delegados de persoal sobre o proxecto de acondicionamento das instalacións, sobre a data de traslado –segundo dixeron, leste mesmo martes–, nin sobre a suposta falta de permiso de Costas para esta actuación.
Respecto diso, o delegado da CIG, Miguel Uclés, lamentou que o goberno local non confirmou a data do traslado, a pesar de que leste mesmo martes “xa se iniciou a mudanza”. Así mesmo, incidiu en que as instalacións de Coruxo están baleiras, sen mobiliario, sen zona acondicionada para vehículos, sen medidas de tráfico para facilitar a entrada e saída das dotacións con seguridade, ou sen medidas para paliar un posible impacto da súa actividade na contorna, en plena marisma do río Lagares.
Á marxe desta denuncia, os bombeiros lembraron que hai un transfondo a esta situación: os “malos tratos” do goberno local a este servizo “esencial” para a cidade e a falta de persoal. De feito, explicou David Álvarez (CUT), o pasado sábado só houbo operativos 7 efectivos en todo Vigo, tres deles (un condutor e dous bombeiros) no parque central de Teis, moi lonxe do mínimo de 21 estipulado polo propio goberno municipal.
O traslado, recalcou, “empeora aínda máis” a situación destes traballadores, e sinalou que o cambio na concellaría de Persoal non mellorou as cousas, xa que o servizo de bombeiros segue sendo responsabilidade de Seguridade,área dirixida por Elena Espinosa.
Finalmente, Gerardo Fernández (CC.OO.) lembrou que tanto o parque de Teis como o que se pecha agora, baixo unha das bancadas de Balaídos, son localizacións orixinalmente destinadas a outros usos. De feito, a sede do estadio “tamén ía ser provisional, e leva 35 anos”, segundo recalcou, á vez que incidiu en que as instalacións de Coruxo, “desde o punto de vista da eficacia e da seguridade, son unha auténtica aberración”.
Cuestionado sobre este traslado nunha rolda de prensa, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, non aclarou cando se fará efectiva a mudanza. “Cólleme vostede ás toas e non lle podo dicir”, respondeu o rexedor aos xornalistas e remitiuse a un comunicado de prensa posterior.