Os Maristas piden “perdón” e póñense “a disposición” das vítimas de abusos sexuais

Un dos catro membros sinalados tería abusado tamén de menores na Coruña tras ser trasladado desde Vigo.

Colexio El Pilar de Vigo / paxinasgalegas

A Provincia Marista Compostela reiterou a súa posta a disposición das vítimas de supostos abusos en Galicia, tras a información publicada polo diario ‘El País’ segundo a cal un dos catro maristas acusados de pederastia no colexio El Pilar de Vigo nos anos sesenta pasou despois polo centro da orde na Coruña, o Cristo Rey, onde, supostamente, seguiu cos abusos.

Tras a denuncia dunha exalumna, de acordo coa información publicada, remitíronse ao comunicado que enviaron tras os casos denunciados en Vigo con petición de “perdón” e posta a disposicion das vítimas.

Condenamos o ocorrido, lamentamos profundamente esta situación e pedímoslles perdón por fallarlles e non protexelos. Abrimos unha investigación e estamos a recibir e escoitando aquelas persoas que se puxeron en contacto connosco”, reiteran.

Por outra banda, no comunicado xa remitido, lembran que os catro maristas aos que fan referencia as vítimas xa faleceron.

Tamén defenden que a protección á infancia é para eles “unha prioridade e pómonos a disposición de quen puidesen sufrir calquera situación de malos tratos ou abuso” , din.