InicioEconomíaNace a Plataforma en Defensa do Ferrocarril Vigo-Ourense que propón unir o...

Nace a Plataforma en Defensa do Ferrocarril Vigo-Ourense que propón unir o sur de Galicia en 25 minutos

O secretario, Avelino Muleiro, comentou que a creación desta organización responde a "un tema social, pragmático, nada político".

PUBLICADO O

- Advertisement -

A Plataforma en Defensa do Ferrocarril Vigo-Ourense por Mondariz constituíuse na cidade olívica como unha entidade da sociedade civil que busca promover unha alternativa ferroviaria “positiva e de futuro”, a través dunha formulación que aposta porque o tren conecte Vigo con Ourense nuns 25 minutos.

A rolda de prensa de presentación celebrouse na mañá deste xoves na cidade olívica, onde o presidente da entidade, Bieito Ledo, explicou que son un grupo de 14 persoas “moi diversas e sen tendencia política marcada tratando de representar á sociedade civil”, posto que “é imprescindible que a sociedade se organice presentando alternativas serias como esta”.

Entre as persoas que están na plataforma inclúense o presidente da Real Academia Galega, Víctor Fernández Freixanes; e o presidente da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), Juan Manuel Vieites; ademais de avogados, escritores, artistas e empresarios.

O secretario, Avelino Muleiro, comentou que a creación desta organización responde a “un tema social, pragmático, nada político”. Así as cousas, indicou que apoian que “non hai que aumentar os quilómetros ata Ourense e Madrid sen necesidade”.

Carlos Núñez Rodríguez, tesoureiro da plataforma, recalcou que Vigo é “un lugar crave dentro da comunicación de cidadáns e de mercadorías”, ante o que defendeu que a súa proposta permitirá “alixeirar gasto e tempo” respecto doutras formulacións como o de Guillarei, Cerdedo e Santiago.

O vicepresidente da plataforma e enxeñeiro encargado do informe, Xosé Carlos Fernández, explicou que a liña de tren que propoñen non arrinca en Vigo, senón que aproveita o saída sur e circularía polo norte de Mondariz. “Hai moita xente que cre que pasar por Cerdedo é o máis directo que existe, pero estivéronnos enganando, falan dunha liña ‘directa’ que non é tan directa“, aseverou.

PROPOSTA

Fernández apuntou que a actual proposta de AVE elevaríase a 2.200 millóns de euros, mentres que a formulación da plataforma permitiría aforrar uns 300 millóns –cun custo total estimado de 1.900 millóns–. “Se ían pór 2.200 millóns para unha liña de 50 minutos, aínda se tivese o mesmo custo deberían escoller unha liña con mellor servizo”, remarcou.

Segundo estimou, o tempo que requiriría levar adiante este proxecto ascendería a uns 9 anos e medio: 1 e medio para o estudo informativo, 2 para o impacto ambiental, 1 ano para os proxectos construtivos e entre 4 e 4 anos e medio para realizar a obra. “É o que necesita calquera liña deste tipo”, aclarou.

Tras a súa presentación pública, a plataforma enviará o seu informe ao ministro de Transportes, á presidenta de Adif, ao presidente da Xunta e aos alcaldes de Vigo e Ourense, aos que ademais lles pedirá reunións. Así mesmo, prevé establecer un programa de actividades, que irá comunicando paulatinamente.

HISTORIA DUN FRACASO

Durante a rolda de prensa, Fernández referiuse ao proceso de tramitación da alta velocidade entre Vigo e Ourense como “a historia dun fracaso”. “Non se fixo nada do planificado e nunca houbo nada para realizar un proxecto viable”, aseverou.

Así, a través do seu informe critica os “17 anos desperdiciados de estudos, reclamacións, demoras (*) sobre unha hipotética conexión ‘indirecta’ entre Vigo e Ourense pasando por Cerdedo”. “Levan todos estes anos dándolle voltas, mareando a perdiz; o Ministerio está a rirse da provincia e os cidadáns de Pontevedra”, censurou.

A continuación, remarcou que Ourense e Santiago están conectados por tren nun traxecto de 130 quilómetros, pero despois da alta velocidade quedará en 88 quilómetros, o que permitirá percorrer esa distancia en 25 minutos. “Iso é unha liña directa”, recoñeceu.

Neste sentido, cuestionouse “por que Vigo non pode reclamar o mesmo, un tren que reduza quilómetros e –conecte con Ourense– en 25 minutos, cando a súa poboación é maior”. “Vigo ten que pedir unha liña coas mesmas características que Santiago”, insistiu, apuntando que por Mondariz “se pode conseguir un percorrido de 86-88 quilómetros”.

ÚLTIMAS

Buscan en Nova Zelandia a un mariñeiro galego que viaxaba a bordo dun palangreiro con base en Vigo

Efectivos de procura tratan de localizar a un mariñeiro galego, un xefe de máquinas...

Trasladada ao hospital con queimaduras unha veciña de Vigo tras un incendio na súa vivenda

Unha veciña de Vigo foi trasladada ao Hospital Álvaro Cunqueiro ao resultar ferida, con...

Vigo tomado por miles de “papanoeles” con fins solidarios

A tradicional "Papanoelada" de Vigo volveu a encher a cidade olívica de vehículos de...

Achan a 2 persoas falecidas en senllos pisos en Vigo, sendo necesaria a intervención dos bombeiros para abrir un

Dúas persoas foron achadas mortas na mañá deste venres en Vigo en senllos pisos...