InicioPolíticaO Pleno de Vigo aproba instar á Xunta a xestión de parte...

O Pleno de Vigo aproba instar á Xunta a xestión de parte dos fondos europeos de maneira coordinada

O edil de Facenda lembrou que Vigo tivo que afrontar a crise sanitaria e social cos seus propios recursos, para destinalos a axudas sociais, limpeza e desinfección, e outras actuacións, "atendendo compentencias que nin sequera son municipais".

PUBLICADO O

O Pleno do Concello de Vigo aprobou este mércores unha moción do grupo socialista (cos votos favorables do goberno local e de Marea de Vigo, e o rexeitamento de PP e BNG) para instar á Xunta a xestionar de forma coordinada os fondos europeos de recuperación que reciba a Comunidade e a distribuír un 15 % deses fondos ás entidades locais.

O concelleiro socialista Jaime Aneiros sinalou que a propia Constitución contempla que os concellos poidan ter o suficiente financiamento para desenvolver as súas funcións e lembrou que o goberno de España aprobou a repartición de 16.000 millóns de euros entre as Comunidades Autónomas para facer fronte á pandemia de Covid-19. “Pero os concellos non recibiron nada, salvo excepcións. En Galicia non”, apuntou.

O edil de Facenda lembrou que Vigo tivo que afrontar a crise sanitaria e social cos seus propios recursos, para destinalos a axudas sociais, limpeza e desinfección, e outras actuacións, “atendendo compentencias que nin sequera son municipais”.

Por iso, reclamou que a Xunta coordine coas entidades locais a xestión deses fondos, e tamén dos fondos aprobados para axudar a pemes e autónomos, á vez que reivindicou o acordo da FEMP de que as entidades locais poidan recibir, en función da súa poboación, o 15 % dos fondos que cheguen ás Comunidades procedentes do Goberno e da UE para a reactivación económica.

O grupo municipal Marea de Vigo apoiou que os concellos poidan xestionar eses fondos e mesmo avogou porque poidan asumir competencias autonómicas “con cargo a eses fondos europeos”. De feito, en alusión á Xunta de Galicia, o portavoz do grupo, Rubén Pérez Correa, sinalou que non daría recursos “a un goberno autonómico oscurantista e que só quere favorecer a empresas amigas”.

OPOSICIÓN DE PP E BNG

Mentres, o grupo municipal do PP iniciou a súa intervención cuestionando que a moción do PSOE fose defendida por Jaime Aneiros, tendo en conta que o alcalde retirou a Elena Espinosa as competencias en material de Persoal “coa escusa de que debía centrarse nos proxectos europeos e na economía“. “E non está ela presentando esta moción?”, ironizou o portavoz ‘popular’, Alfonso Marnotes.

Á marxe dese comentario, Marnotes criticou a ambigüidade da moción e lembrou que os fondos de resiliencia “xa teñen un acordo para que se coordinen as comunidades e as entidades locais“, e que “os fondos COVID son outros”. “Que se aclaren”, apuntou.

Pola súa banda, o concelleiro do BNG, Xabier Pérez Igrexas, lembrou que, á marxe do financiamento, “non se pode obviar o réxime competencial” e, aínda que mostrou o seu acordo con que o concello teña acceso aos fondos de recuperación que reparta o Goberno central, pediu que non se faga á conta de “detraer” recursos das comunidades.

Ademais, recalcou que non se trata só de reclamar o 15 % dos fondos, senón de “explicar para que se queren, á marxe de ramplas e ascensores”, e propuxo respecto diso un proxecto “participativo” de investimentos para que os veciños decidan o destino deses recursos, e que cheguen ás “necesidades reais”.

A proposta do BNG foi respondida polo concelleiro de Facenda, Jaime Aneiros, cunha negativa. “Non somos unha formación asemblearia, non somos un goberno asembleario, somos un goberno que goberna e que xa coñece as necesidades da cidade. A súa emenda dilataría a tramitación e teriamos tantas opinións como vigueses”, resolveu.

Por outra banda, o edil socialista criticou tamén que o PP perdese unha “oportunidade magnífica de apoiar que a Xunta invista en Vigo”. “Pero din que non outra vez, din que non a Vigo”, lamentou.

ÚLTIMAS

Vigo supera de novo os 300.000 habitantes, “de longo a maior cidade de Galicia”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que a cidade volveu a superar os 300.000 habitantes...

Case nove de cada dez usuarios da Asociación Érguete en Vigo comezou a consumir drogas antes dos 18 anos

Preto do 88% dos usuarios da Asociación Érguete en Vigo comezou a consumir drogas antes...

Abel Caballero celebra a chegada da moi alta tensión eléctrica á cidade: “É o que Stellantis e a cidade quería”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, celebrou este mércores o anuncio da aprobación no Consello...

Interceptan un dron non autorizado durante a carreira Vig-Bay en Baiona

A Garda Civil durante o Medio Maratón Gran Baía Vig-Bay, que se celebrou o domingo, interceptou no...