O alcalde de Vigo, Abel Caballero, fixo este luns un novo chamamento á prudencia e a precaución dos cidadáns ante a “mala evolución” da pandemia na cidade e ante a subida da incidencia acumulada de casos por cada 100.000 habitantes, á vez que alertou de que, se se mantén esa tendencia, é posible que Vigo entre nun escenario de maiores restricións.
Nunha rolda de prensa, o rexedor olívico sinalou que, tras máis de dúas semanas de incremento de casos, Vigo presenta unha “situación altamente preocupante”, na que se pasou de ter unha incidencia a 14 días de 76,7 casos por 100.000 habitantes, aos 107,7 que hai actualmente. “En Vigo estamos a ir mal e imos superar os 150 casos de incidencia moi pronto. Iso significa novas restricións”, advertiu do alcalde, quen lembrou que, aínda que a subida de incidencia é “lenta”, é un crecemento “sostido”.
Por tanto, subliñou, a prudencia é “obrigada” e advertiu “ao grupo de incumpridores e incumpridoras” de que hai que extremar a precaución e de que as infraccións serán sancionadas.
De feito, só este pasado fin de semana, a Policía Local da cidade tramitou 189 propostas de sanción por incumprir a normativa sanitaria (multas a locais, a persoas que ían sen máscara, reunións de non conviventes, saídas fóra do horario permitido, etc.).
Segundo os datos publicados este luns pola Consellería de Sanidade, na área sanitaria de Vigo hai 574 casos activos de COVID-19, dos que 44 son persoas hospitalizadas (6 deles en UCI). Así mesmo, nas últimas 24 horas detectáronse a través de probas PCR 27 novos contaxios.