InicioEconomíaBarreras busca expandirse cara ao sector eólico

Barreras busca expandirse cara ao sector eólico

Empezará "proximamente" a desmontar os cascos dos cruceiros de Havila.

PUBLICADO O

- Advertisement -

O estaleiro vigués Hijos de J. Barreras, propiedade de The Ritz-Carlton, atópase en negociacións con “varias entidades” para expandir as súas liñas de negocio cara á enerxía renovable, “incluíndo proxectos dentro do sector eólico”. Así o trasladou o estaleiro nun comunicado emitido este luns, no que remarcou que se está “traballando intensamente nesta expansión”, o que espera que poida “xerar novos postos de traballo en Galicia”.

Así mesmo, Barreras indicou que iniciará “proximamente” o desmonte dos cascos 1710 e 1711, “para dar paso a novos traballos nas bancadas”. Trátase dos cascos dos cruceiros de Havila, cuxos traballos quedaron paralizados polos problemas que atravesaba o estaleiro.

Por mor desta situación, a armadora norueguesa anunciou o pasado ano que os dous buques serían construídos polo estaleiro turco Tersan. Barreras buscou entón pechar contratos que permitisen a construción destes buques e avanzou que se despezarían se non se alcanzaba un acordo.

Doutra banda, o estaleiro tamén comunicou que na actualidade “continúan as tarefas de apoio ao financiamento do ‘Evrima’ por parte do equipo de HJ Barreras e outros provedores da zona de Vigo”. Este cruceiro partiu hai unhas semanas cara a Santanter para efectuar uns traballos que o estaleiro vigués non podía realizar. No entanto, sindicatos criticaron que o buque foi trasladado sen “data concreta de regreso” e deixando o estaleiro “sen ningunha carga de traballo”.

NOVOS PROXECTOS

No que respecta a novos proxectos, Barreras indicou que “continúa traballando moi de preto con recoñecidos ‘brokers’ internacionais do sector, e directamente con potenciais clientes, para a ampliación da súa carteira de pedidos a longo prazo”. A iso engadiu que “continúa avanzando nas súas conversacións cunha serie de axencias gobernamentais para solucionar os seus problemas herdados e así poder continuar co legado de máis de 120 anos de historia dentro da industria naval”.

DÉBEDA

O estaleiro contraeu unha débeda de varios millóns ao longo dos últimos anos. Como consecuencia, as empresas auxiliares acredoras do estaleiro integradas na sociedade Uninaval apuntaron que unha inxección de capital público ou privado podería facilitar unha solución.

Pola súa banda, o BNG pediu no Pleno da Cámara galega medidas contra a “inestabilidade” no estaleiro de Barreras, ante o que a Xunta se comprometeu a apoialo economicamente sempre que a empresa “demostre que ten un plan sólido” para desenvolver actuacións no futuro e mostre a súa vontade de alcanzar un acordo coa industria auxiliar para “saldar as débedas” contraídas.

O grupo municipal Marea de Vigo reclamou que calquera axuda ao estaleiro vigués Fillos de J. Barreiras por parte de entidades públicas, sexa a Xunta ou sexa o Goberno a través da SEPI, estea vinculada á entrada no accionariado da empresa.

ÚLTIMAS

A morte do bombeiro vigués en servizo continúa á espera dos informes

A Audiencia Provincial de Pontevedra ditou un auto no que, entre outras consideracións, apela...

OPINIÓN.- Salvar a Ría de Vigo e recuperar a saude pública

Dende esta primaveira un grupo crecente de persoas e asociacións da cidade de Vigo...

Absolto o acusado de violar a unha moza durmida pola falta de consistencia da versión da denunciante

A sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, ditou sentenza na que...

Un veciño de Vigo recibirá máis de 12.000 euros tras caer nunha escaleira mollada sen sinalización

A sección sexta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, condenou a...