Axentes de Policía Nacional da Comisaría de Vigo interviñeron para auxiliar a unha veciña da cidade, de nacionalidade senegalesa e de 22 anos de idade, que se puxo de parto e necesitaba un transporte para ir ao hospital.
Os feitos ocorreron na madrugada deste venres, cando unha dotación de axentes de paisano encontrou unha parella e un neno duns dous anos de idade, que se atopaban na vía pública á altura do número 205 da rúa Travesía de Vigo.
A parella presentaba estado de nerviosismo e, cando os axentes se achegaron, comprobaron que a muller estaba en avanzado estado de xestación, mentres que o seu marido trataba de buscar un transporte para levala ao hospital, e o pequeno, fillo de ambos, estaba a chorar asustando ao ver á súa nai queixándose de fortes dores.
A muller explicou aos axentes que tiña contraccións moi seguidas e que cría que ía dar a luz, polo que os axentes chamaron de inmediato a unha ambulancia, mentres tentaban acougar á nai, que rompera augas, e tamén ao neno.
Cando chegaron os primeiros efectivos sanitarios constataron que o parto estaba moi avanzado, polo que solicitaron unha ambulancia medicalizada, que trasladou á muller ao Hospital Álvaro Cunqueiro.
Mentres uns axentes atendían á nai, outros atenderon ao menor, que non deixaba de chorar, e ao que lograron consolar e distraer con algunhas ‘lambetadas’ e deixándoo xogar coas súas lanternas.
Pouco despois, unha dotación do 091 trasladouse ao Álvaro Cunqueiro para interesarse polo estado da nai, e alí os axentes foron informados de que o parto se produciu sen complicacións, e que a moza dera a luz a unha nena.
