InicioPolíticaO goberno de Vigo irá aos tribunais ante a intención da Xunta...

O goberno de Vigo irá aos tribunais ante a intención da Xunta de “expulsar” aos traballadores da presa de Eiras, que “é municipal”

Abel Caballero critica que Feijóo se decante polo transvasamento do Miño para o abastecemento da área viguesa, cando é máis custoso

PUBLICADO O

- Advertisement -

A Xunta de Goberno do Concello de Vigo aprobou este venres a interposición dun recurso contencioso administrativo contra a resolución de Augas de Galicia que actualiza o organigrama e o cadro de persoal para a explotación e para o plan de emerxencia da presa de Eiras, ao considerar que trata de usurpar a titularidade desa infraestrutura hidráulica, e tendo en conta que a xestión e explotación da mesma faina a propia administración municipal.

Os servizos xurídicos do Concello consideran que a resolución de Augas de Galicia, que supón substituír aos actuais traballadores da presa (da concesionaria municipal Aqualia) por empregados da empresa Ain Active On, contratada pola Xunta, implica un intento de “expulsar ao Concello de Vigo da posesión que ostenta da presa de Eiras para os efectos da súa explotación, conservación e mantemento” e asumir, de feito, a explotación que vén facendo o Concello desde os anos 70.

Por todo iso, o goberno local aprobou interpor este recurso contra esa resolución, e lembrou que no seu día xa fixo o mesmo contra a contratación desa empresa (Ain Active On) para a explotación e mantemento do encoro. Así mesmo, reclamará aos xulgados que deixe sen efecto a resolución de modo cautelar.

O conflito sobre a titularidade da presa de Eiras, da que se abastece a cidade de Vigo e varios municipios da área, iniciouse en 2014, cando a Xunta reclamou ao Concello olívico o pago dun canon de regulación pola captación de auga do encoro, alegando que era a administración autonómica a que o explotaba.

O Concello opúxose a ese pago, uns 655.000 euros, e a súa posición foi avalada polo Tribunal Económico Administrativo de Facenda. A partir de aí, iniciáronse as negociacións coa Xunta para asinar un convenio no que o goberno galego pretendía que Vigo asumise a explotación, e a administración local quería que o acordo reflectise que xa estaba a facer esa explotación.

Esas negociacións non frutificaron, pero a Xunta, a finais de 2019, aprobou o expediente para contratar o servizo de explotación e mantemento da presa (adxudicado logo a Ain Active On). Esta decisión tamén foi recorrida ante os tribunais polo Concello olívico.

TRANSVASAMENTO DESDE O MIÑO

Nese sentido, Caballero referiuse a a reunión mantida nas últimas horas entre o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e a ministra para a Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, na que o mandatario galego decantouse por facer un transvasamento desde o Miño para garantir ao abastecemento de auga a Vigo e ao sur da provincia de Pontevedra.

A ese respecto, o alcalde criticou que Feijóo se pronunciou cando aínda non se coñecen os resultados do informe encargado a unha consultoría (financiado polo Goberno, a Xunta e o propio Concello) sobre as posibles alternativas para ese abastecemento.

ÚLTIMAS

Empregados de Vitrasa denuncian a “imposibilidade” de cumprir os “obsoletos” horarios que xeran “atrasos” en buses, especialmente durante o Nadal

O comité de empresa de Vitrasa, a concesionaria do transporte urbano de Vigo, denunciou...

Abel Caballero di que Vigo “arrastrará” a Xunta e deputación para que a cidade “sexa mundialista”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, afirmou este luns que Vigo será mundialista porque...

Carmela Silva (PSdeG) critica ao PP porque “nunca confiou nin axudou” a Vigo

A candidata do PSdeG ao Senado pola provincia de Pontevedra e primeira tenente de...

José Couñago encabezará a candidatura socialista á Alcaldía de Mos nas eleccións locais de 2027

José Couñago encabezará a candidatura do PSdeG-PSOE á Alcaldía de Mos nas próximas eleccións...