Catro persoas diagnosticadas con coronavirus faleceron nas últimas horas, co que o total de vítimas da pandemia en Galicia elévase a 1.354.
Segundo trasladaron as autoridades sanitarias a última hora deste mércores, tres dos falecidos atopábanse ingresados en hospitais mentres que o cuarto, un home de 96 anos, perdeu a vida na residencia Vila do Conde de Gondomar.
Así, os demais óbitos da xornada producíronse en hospitais. Trátase dunha muller de 80 anos que permanecía ingresada no CHUO e dous homes, de 89 e 84 anos, respectivamente, que se atopaban no CHUVI.
A vítima de 84 anos falecida en Vigo procedía da residencia de maiores Cesantes-Redondela. Todos eles presentaban patoloxías previas.