InicioSucesosDesaloxada unha festa con nove persoas no centro de Vigo

Desaloxada unha festa con nove persoas no centro de Vigo

Os participantes foron denunciados por infrinxir as restricións anticovid e por desobediencia e falta de respecto aos axentes.

PUBLICADO O

- Advertisement -

Axentes da Policía Local de Vigo desaloxaron unha festa que se celebraba, con 9 persoas, nun domicilio da cidade, e denunciou a todas elas por incumprir as restricións implantadas para controlar a pandemia de COVID. Así mesmo, a parella inquilina da vivenda foi denuncia por desobediencia e falta de consideración aos axentes.

Segundo informou a Policía Local, os feitos ocorreron na noite do pasado venres, cando varios veciños alertaron ao 092 de que se estaba celebrando unha festa nun piso da rúa Irmandiños, cun nivel de ruído tan alto que impedía o descanso do resto de moradores do inmoble.

Unha patrulla desprazouse ao lugar e comprobou, ao chegar ao rellano do piso, que se escoitaba música a alto volume, así como persoas falando e cantando. Ao chamar á porta, un home (G.Q.A., de 32 anos de idade e natural de Oviedo) abriu parcialmente, sen deixar aos axentes entrar nin ver o interior da vivenda. Os policías informárono de que estaba a molestar aos veciños e, cando lle preguntaron se había alguén máis no domicilio e se podían entrar a comprobalo, o home respondeu cunha negativa en ambos os casos.

Tras ordenarlle que baixase o volume para deixar de molestar aos veciños, os axentes marcharon. Con todo, tiveron que volver unha hora despois, porque os veciños volveron avisar de que seguía habendo ruídos procedentes da mesma vivenda. Nesta segunda ocasión, cando os axentes chamaron á porta ninguén abriu. No entanto, estando alí os policías, presentouse un repartidor de comida a domicilio, que se dirixía a deixar un pedido a esa vivenda, e que tamén tivo que marchar porque ninguén lle abriu a porta.

VEHÍCULO MAL ESTACIONADO

Os axentes saíron do edificio e, cando se dispuñan a marchar, decatáronse de que había un vehículo nas proximidades mal estacionado, polo que procederon a tramitar a multa e chamaron ao guindastre. Foi precisamente cando apareceu o servizo municipal de retirada de coches cando os axentes observaron a varias persoas asomando polo balcón e as xanelas da vivenda onde se estaba celebrando a festa.

Cando a guindastre se dispuña a enganchar o coche mal aparcado apareceu apresuradamente o seu propietario, que saíu do edificio onde estiveran os axentes. No lugar tamén se presentou o inquilino do piso, que xa fora identificado na primeira visita da Policía, acompañado pola súa parella. Ambos comezaron a censurar aos axentes por denunciar o coche mal aparcado, achegándose aos funcionarios sen respectar a distancia de seguridade.

Cando foi requirida para que se identificase, a muller negouse, comezou a increpar aos axentes e, só ao advertirlle de que sería trasladada a Comisaría, accedeu a dar os seus datos. Trátase de M. B. C., natural de Madrid e 29 anos de idade, que comezou a dirixir ameazas aos policías, asegurando que era médico (aínda que sen acreditalo) e que tiña “vínculos de familiaridade coas altas esferas”.

Finalmente, o resto de persoas que se atopaban na festa nese piso acabaron saíndo do edificio, un total de catro homes e tres mulleres (ademais da parella inquilina), aos que se identificou e propuxo para sanción por incumprir as restricións sanitarias.

Os dous inquilinos do piso, ademais de ser denunciados por este motivo (participar nunha reunión de máis de 4 persoas non convivientes e non respectar o toque de queda horario), foron denunciados por desobediencia e falta de respecto aos axentes.

ÚLTIMAS

Incautados en Tahití case 524 quilos de cocaína nun pesqueiro con base en Vigo

A Mariña francesa incautouse dun alixo de 524 quilos de cocaína atopado nun barco pesqueiro con...

Abel Caballero saca peito do feito no ano 2024, “o mellor ano na historia de Vigo”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, fixo balance do 2024, "o mellor ano na historia...

Defensa da Sanidade Pública denuncia que o contrato da Xunta con Povisa “consolida a privatización hospitalaria”

A Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública denunciou que o contrato con...

OPINIÓN.- Vigo e a construción da paz mundial

A construción dunha Europa internacionalista e pacífica require unha profunda transformación nas dinámicas de...