InicioEconomíaCaballero avisa que a compensación pola caída do bus urbano "non a...

Caballero avisa que a compensación pola caída do bus urbano “non a decide” Vitrasa e nega débedas coa empresa

A concesionaria comunicou ao seu persoal que non poderá pagar a 'extra' de decembro por unha falta de pagamento do Concello.

PUBLICADO O

- Advertisement -

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, advertiu este martes de que a compensación que haxa que pagar á concesionaria do bus urbano, Vitrasa, pola caída neste transporte durante o estado de alarma “non a decide” a empresa, senón que deberá ser estudada e validada polos técnicos, á vez que negou que o Concello teña débeda algunha con dita concesionaria.

Despois de que Vitrasa comunicase ao seu persoal que non podería pagarlles a ‘extra’ de decembro por unha falta de pagamento do Concello, o rexedor negou que Vigo pague canon algún á concesionaria. “Que é iso dun canon? Iso non existe”, proclamou (a pesar de que Vitrasa cobra cada ano millóns de euros para cubrir as bonificacións das tarifas e as lanzadeiras que van ao campus universitario, entre outras transferencias).

“Outra cousa é que Vitrasa teña un déficit e teñamos que cubrilo. Pero aínda estamos niso”, matizou, e engadiu que esa compensación deberá estudarse cando se faga a liquidación do ano. Así, lembrou que o Goberno central prevé un fondo para que os concellos compensen as perdas polo descenso de viaxeiros en transporte público, e a aplicación dese fondo debe estudarse desde o punto de vista económico e xurídico.

En todo caso, sinalou que xa hai unha emenda nos orzamentos para iso e que “haberá máis” que ese diñeiro, e puntualizou que a compensación “non a decide Vitrasa”. Así mesmo, recoñeceu que xa se manexan cifras, pero rexeitou facelas públicas.

A concesión do bus urbano finalizaba este ano e, tras anunciar que non se prorrogaría e que se sacaría de novo a concurso para mellorar as condicións do prego, o rexedor, argumentando que a pandemia modificara a situación, confirmou que Vitrasa prestará o servizo outros cinco anos máis.

Por outra banda, preguntado sobre a concesión do servizo de abastecemento e saneamento, que ostenta Aqualia, e que está a piques de finalizar (tras unha prórroga), Abel Caballero reiterou que non descarta “nada”.

CRÍTICAS DA OPOSICIÓN

Con respecto á situación de Vitrasa, e ao anuncio de que non poderá pagar a ‘extra’ de Nadal e, posiblemente, tampouco a nómina de decembro, todos os grupos da oposición instaron ao goberno local a que esixa á concesionaria cumprir as súas obrigacións cos traballadores.

Tanto PP como Marea de Vigo e BNG criticaron a “chantaxe” da empresa e pediron ao alcalde e ao seu equipo que deixen de “tolerar” a posición da concesionaria e que, se é necesario, se lle abra expediente sancionador.

ÚLTIMAS

Buscan en Nova Zelandia a un mariñeiro galego que viaxaba a bordo dun palangreiro con base en Vigo

Efectivos de procura tratan de localizar a un mariñeiro galego, un xefe de máquinas...

Trasladada ao hospital con queimaduras unha veciña de Vigo tras un incendio na súa vivenda

Unha veciña de Vigo foi trasladada ao Hospital Álvaro Cunqueiro ao resultar ferida, con...

Vigo tomado por miles de “papanoeles” con fins solidarios

A tradicional "Papanoelada" de Vigo volveu a encher a cidade olívica de vehículos de...

Achan a 2 persoas falecidas en senllos pisos en Vigo, sendo necesaria a intervención dos bombeiros para abrir un

Dúas persoas foron achadas mortas na mañá deste venres en Vigo en senllos pisos...