A compañía BorgWarner Vigo anunciou que a dirección e o comité de empresa alcanzou a última hora do venres un acordo no proceso de negociación do novo convenio colectivo.
O texto, segundo indica a empresa, terá unha vixencia de tres anos e inclúe un incremento salarial para este ano do 0,9% e a prestación do 100% da base de cotización durante a primeira e segunda baixa, que será do 80% para a terceira e seguintes.
O convenio inclúe tamén aspectos relacionados coa xornada laboral, os descansos e os días de libre disposición, que foron “acordados por ambas as partes”.
“Supuxo un gran esforzo, pero alegrámonos de que finalmente imperase o diálogo fronte a unha convocatoria de folga indefinida moi prexudicial para os intereses da planta no contexto actual”, sinala a empresa nun comunicado, no que lembran a “situación complicada” polas perspectivas para o futuro do diesel e a redución no mercado EGR.
A maioría do comité de empresa da planta de Borgwarner apostara por levar a cabo unha folga indefinida desde este próximo luns para alcanzar un “convenio xusto” e ante as ameazas da dirección de deslocalizar a fábrica a Portugal se non se aceptan os “recortes que expón a súa proposta” respecto das condicións laborais.
