O número de municipios galegos no nivel máximo de alerta, o 3, pola incidencia do coronavirus na última semana elevouse este venres a 25, un máis que este xoves, tras entrar nesta situación Ferrol e Lalín, á vez que sae O Porriño, que pasa ao laranxa.
Ademais, segundo consta no mapa ‘semáforo’ actualizado diariamente pola Consellería de Sanidade, continúan no nivel tres pola pandemia os concellos de Ourense, O Barco, O Carballiño, Verín, Narón, Oleiros, Arteixo, A Laracha, Ordes, Mesía, Santiago, Ames, Teo, A Estrada, Vilagarcía, Pontevedra, Poio, Cangas, Nigrán, Tui, Salvaterra, Monforte e Lugo.
A entrada no nivel máximo de risco de todas estas localidades implica que detectaron máis de 21 casos de coronavirus no últimos sete días. Con todo, nas urbes de máis de 50.000 habitantes, o limiar para detectar o aviso vai en función do tamaño: Ferrol –máis de 76 casos nunha semana–, Pontevedra –máis de 96–, Santiago –máis de 112–, Lugo –máis de 112– e Ourense –máis de 120–.
Mentres, en situación dúas –na cor laranxa do mapa– sitúanse 19, cinco máis que este xoves. Do total, 11 repiten nesta lista: Neda, Fene, A Coruña, Culleredo, Marín, Vigo, Mos, Gondomar, Boborás, Barbadás e Xinzo de Limia.
Na alerta laranxa entraron este venres sete concellos –Malpica de Bergantiños, Muros, Noia, Oroso, Vilaboa, Redondela e Monterrei– por empeorar os seus datos, mentres que uno –O Porriño– fíxoo por melloralos, xa que ata este xoves estaban na vermella.
En cor laranxa inclúense municipios de máis de 50.000 habitantes con entre 138 e 332 casos novos de COVID-19 á semana por 100.000 habitantes –só Vigo e A Coruña, neste caso– e nos de menor poboación que presenten entre 14 e 20 casos.