InicioSucesos6 feridos e numerosos danos materiais logo dun intento de okupación no...

6 feridos e numerosos danos materiais logo dun intento de okupación no Barrio das Flores

A policía advirte de que a cifra real de feridos podería ser maior. 30 persoas participaron na liorta.

PUBLICADO O

- Advertisement -

Un intento de ‘okupación’ nunha vivenda de Vigo acabou nunha liorta multitudinaria, na que resultaron feridas polo menos 6 persoas, e na que se ocasionaron danos materiais na propia vivenda e nun vehículo do seu propietario. Segundo informou a Policía Local, os feitos tiveron lugar na tarde deste martes, cando unha muller de 33 anos de idade, V.J.C., tentou ‘okupar’ unha vivenda do Barrio das Flores xunto coas súas dúas fillas menores. Para iso forzou a entrada da casa cunha pata de cabra.

Ao decatarse do ocorrido, os veciños avisaron ao propietario do inmoble, que se presentou no lugar e alertou á muller de que debía abandonar a vivenda, que non estaba baleira, e que se non se ía avisaría á Policía. Inicialmente, a muller pareceu acceder, pero sinalou que, como xa introducira algúns dos seus aveños na vivenda, chamaría aos seus familiares para que a axudasen a sacalos.

Sobre as 22,00 horas, presentáronse no lugar varios familiares e amigos desta muller, “portando paus e bastóns”, e enfrontáronse co dono da casa, dicíndolle que non se irían e que estaban alí para defender á muller no caso de que quixese botala. “Sen mediar provocación algunha”, segundo informou a Policía, “comezaron a insultar e ameazar ao home” e, ante o alboroto, varios veciños saíron á rúa. Finalmente, xuntáronse uns 30 veciños que, segundo relataron posteriormente, foron insultados, ameazados e agredidos polos achegados da muller ‘okupa’.

FERIDOS E DANOS MATERIAIS

Como consecuencia desta liorta, resultaron feridas polo menos 6 persoas: o dono da vivenda obxecto de disputa, ao que golpearon na cabeza, mandíbula, ombreiros e tórax; unha veciña da zona, que acabou cun brazo roto e foi trasladada en ambulancia ao hospital Álvaro Cunqueiro; así como outras 4 persoas con diferentes lesións que se trasladaron polos seus propios medios á PAC da rúa Pizarro (e que confirmaron que presentarían denuncia).

No entanto, fontes policiais precisaron que é posible que houbese máis feridos, pero que varios implicados fuxiron á chegada das dotacións policiais, e outros non quixeron apuntar as lesións por medo ás ameazas e represalias dos agresores. De feito, apuntaron as mesmas fontes, algúns dos veciños relataron que “están fartos deste tipo de accións por parte de individuos que viven na zona, xa que son constantes as pelexas entre eles, xerando moitos problemas de convivencia”.

Ademais das persoas feridas, tamén se rexistraron danos na vivenda cuxo propietario tratou de evitar a ‘okupación’, con rotura de cristais e persianas. Os atacantes tamén romperon o parabrisas da furgoneta deste home, e causaron danos na xanela traseira esquerda do vehículo, e outros danos.

IDENTIFICADOS

A Policía logrou identificar as inmediacións do lugar onde se produciu a liorta a varias persoas, sospeitosas de participar nos feitos, e que os axentes xa coñecían por ser “habituais deste tipo de condutas”. Así, foron identificados J.J.B., de 33 anos de idade, e o seu fillo, que se atopaba indocumentado; e outra persoa, I.G.L., de 26 anos de idade, todos eles veciños de Vigo.

Os sospeitosos foron interceptados cando trataban de fuxir nun vehículo, en cuxo interior os axentes atoparon un pau e un bastón, que foron incautados. Tamén se localizaron, nos arredores, outros 4 bastóns e un martelo supostamente utilizados na liorta.

ÚLTIMAS

A Xunta mobiliza buques, drones e empresas de limpeza tras unha gran mancha de graxa de palma no Porto de Vigo

A Xunta de Galicia activou á primeira hora da tarde o Plan Territorial de...

Novas mobilizacións en centros de Vigo: “a educación é un dereito e non máis recortes”

Membros da comunidade escolar do CEIP A Paz Tintureira de Vigo concentráronse este xoves...

Seguen as críticas cruzadas para que Balaídos sexa sede no Mundial de fútbol de 2030

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, reclamou este xoves á Xunta e á Deputación...

Caballero ironiza sobre as vivendas da Xunta en Vigo: “Fan máis visitas que pisos constrúen”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, ironizou este xoves sobre a nova visita da...