InicioSociedadeAnpas de Vigo 'plantan' a xestión de comedores mentres a Xunta non...

Anpas de Vigo ‘plantan’ a xestión de comedores mentres a Xunta non poña recursos, un protocolo concreto e supervisión

Advirten tamén de que non se resolveu a "fenda dixital" ante un "probable" novo confinamento.

PUBLICADO O

- Advertisement -

A Federación Olívica de Asociacións de Pais e Nais de centros escolares de Vigo (FOANPAS) acordou facer “un plante na xestión” das chamadas actividades complementarias que se ofrecen nas escolas, entre elas comedores e aulas matinais, ata que a Xunta garanta recursos e un protocolo concreto para aplicar medidas de seguridade sanitaria, distanciamento e distribución dos espazos, para evitar posibles contaxios de coronavirus.

Así o trasladou FOANPAS, cuxo presidente, Miguel Álvarez, subliñou que dan de prazo ata o 20 de agosto para que a administración autonómica estableza un protocolo concreto para estes servizos, “validado por un inspector sanitario ou persoal equivalente”, e lembrou que as Anpas de Vigo xestionan case unha trintena de comedores.

A ese respecto, os responsables desta organización subliñaron que debe supervisarse “centro por centro” a aplicación desas medidas e que a Xunta debe achegar “os recursos necesarios” para que se cumpran, como biombos, xel hidroalcohólico, material desechable, etc., así como o persoal adecuado.

FOANPAS tamén reclamou que se habilite “persoal específico de desinfección” en coordinación cos concellos e que, en todo caso, que figure “por escrito” que a aplicación do protocolo previsto para o retorno ás aulas e a responsabilidade do que poida ocorrer “é da Xunta, que é a autora dese protocolo”.

“Deberían empezar por ter un equipo para asesorar e supervisar todos os centros, o que non se pode é visitar os colexios coma se fosen rodar unha película de vaqueiros de baixo orzamento, que é o que se está facendo”, lamentou a portavoz de FOANPAS, Bertila Fernández.

FENDA DIXITAL

Por outra banda, os representantes das asociacións de pais e nais, que lembraron que as Anpas asumiron a xestión destes servizos “porque era unha necesidade e a administración non o facía”, trasladaron a súa preocupación porque as medidas presentadas pola administración autonómica “non garanten o peche da fenda dixital e tecnolóxica”, por falta de dispositivos e de conectividade para todos os alumnos, ante un “probable” novo confinamento total ou parcial nos próximos meses.

Así mesmo, tamén reflectiron a “incerteza” que xera en toda a comunidade educativa a medida de distanciamento interpersoal nas aulas (un metro entre os centros das cadeiras de cada estudante) pola súa “falta de rigorosidade científica” e porque suporá que, na práctica, “haxa a mesma cantidade de alumnos nas aulas pre-Covid e agora, que tamén son 25 e sen máscara”.

En definitiva, as Anpas criticaron que o protocolo presentado pola Consellería de Educación está pensado “para non gastar diñeiro” e subliñaron que o anuncio da incorporación de 240 profesores non supón un reforzo porque apenas servirán para cubrir as prazas de persoal que se vai.

ÚLTIMAS

Varios feridos, entre eles un xogador, tras ceder un muro das gradas no campo de fútbol do Gondomar

Un partido de fútbol cadete entre o Gondomar CF e o Val Miñor rematou...

A RAGBA incorpora a Carlos López Bernárdez como experto en artes

O historiador de arte Carlos López Bernárdez (Vigo, 1958) ingresou este sábado na Real...

Dous accidentes en poucas horas deixan varios feridos leves en Vigo

O 112 informou de que unha saída da vía en Vigo propiciou que o...

Enfrontan penas de ata 5 anos por un roubo a man armada nun banco de Vigo

Dous homes acusados dun roubo con intimidación, como supostos autores dun atraco perpetrado nunha...