A concatedral de Santa María de Vigo, coñecida popularmente como ‘a colexiata’, recibiu a concidión de basílica menor por prerrogativa do Papa Francisco, segundo confirmou este luns o bispo da diocese de Tui-Vigo, Luís Quinteiro Fiúza. O templo vigués, concatedral desde 1959, terá a partir de agora unha serie de privilexios e tamén novas obrigacións: como basílica poderá facer uso de símbolos da dignidade pontificia, como o selo coas chaves entrecruzadas, o ‘conopeo’ que identifica os templos con especial vinculación á Santa Sé, ou o ‘tintinábulo’, unha campaniña que se usará en ocasións solemnes, como a procesión de Corpus Christi.
Ademais, asume o compromiso de “promover a formación bíblica, divulgar e estudar documentos do maxisterio do Sumo Pontífice”, así como a obrigación de celebrar “solemnemente” certas festas: a cátedra de San Pedro (22 de febreiro), as festividades de San Pedro e San Pablo (29 de xuño), o aniversario da exaltación do Papa Francisco (19 de marzo), o da concesión do título de basílica e outra data que o bispado elixa.
Nesas celebracións solemnes, a basílica viguesa poderá outorgar, en nome do Papa, a indulxencia plenaria a quen visite o tempo e cumpra os requisitos de confesión, comuñón e oración polo Santo Pai, explicaron o bispo e o vigairo xeral da diocese, Juan Luís Martínez Lorenzo.
INICIATIVA
Segundo relatou o párroco (agora primeiro reitor) de Santa María, Moisés Alonso, a iniciativa de solicitar esta distinción para o templo vigués partiu por mor dun comentario do cardeal Carlos Amigo nunha visita á concatedral. “Díxome que a concatedral tiña as condicións para ser basílica e quedeime con aquilo, ata que tiven a ousadía de presentar a solicitude ao bispo”, explicou.
Desde ese momento, iniciáronse as xestións para lograr esta ‘graza’ por parte do Papa. Así, a distinción outorgouse o pasado 14 de xullo, poucos meses despois de que a Conferencia Episcopal (tras recibir o expediente do Bispado de Tui-Vigo) remitise a solicitude a Roma. Na actualidade, existen máis de 1.500 basílicas menores (as maiores son só 4 e están en Roma: San Juan de Letrán, San Pedro, San Pablo Extamuros e Santa María a Maior), das que 123 están en España e son basílicas por designación papal. Delas, unha vintena teñen a dobre de condición de basílica e concatedral.
Para que un templo consiga esa distinción por parte do Sumo Pontífice debe cumprir unha serie de requisitos: ter un perfil arquitectónico destacado, ser un foco espiritual da comunidade, e posuír un “tesouro espiritual” (nese caso, o Cristo da Vitoria) ao que se dea culto de forma continuada.
O propio bispo da diocese, Luís Quinteiro, anunciará formalmente aos fieis lle a concesión do título de basílica nunha eucaristía que se celebrará o próximo 15 de agosto na concatedral. Así mesmo, está prevista a celebración dunha misa de “acción de grazas”, presidida polo Nuncio do Papa en España, Bernardito Cleopas Auza.