O sindicato Alternativas da Xustiza-CUT emitiu un comunicado este mércores no que acusa a Xunta de “negarse a pagar” as prolongacións de xornada realizadas polos traballadores do Xulgado de Violencia de Xénero de Vigo durante o estado de alarma, e que foron “de ata 12 horas”.
O sindicato lembra a “inmediatez” coa que se traballa neste xulgado, no que “todo é urxente” e no que “mesmo o día da súa entrada, se teñen que celebrar os xuízos rápidos que veñen sinalados polas forzas de seguridade. Isto supón, explican, a realización de numerosos trámites que “non poden ser atrasados para o día seguinte”.
A “prioridade por lei” da celebración dos xuízos rápidos, “provoca que o traballo do día a día quede sempre nun segundo lugar”. “O resto do traballo de diario sae polo voluntarismo e tempo dedicado polos traballadores, unha vez que sae o máis urxente”, apuntan, á vez que inciden nos atrasos por falta de persoal e as xornadas “de tarde” que amplían os funcionarios para sacar adiante o traballo.
CREACIÓN DO XULGADO DO SOCIAL EN VIGO
Doutra banda, o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o presidente do TSXG, José María Gómez e Díaz-Castroverde, presidiron este mércores a Comisión Mixta de Xustiza, onde acordaron, de maneira unánime, solicitar ao Ministerio de Xustiza a creación de tres Xulgados do Social en Galicia este ano, concretamente, e por esta orde, en Lugo, A Coruña e Vigo.
Tal e como dixo Alfonso Rueda, nestes momentos “é máis necesario que nunca apostar pola xurisdición Social e propor que todos os órganos xudiciais que se vaian a crear en Galicia sexan órganos do Social”. Aínda que o Ministerio de Xustiza só asegura a creación dun órgano xudicial en Galicia, a Xunta manifesta o seu desexo de optar a máis se outras comunidades renunciasen. Estes xulgados botarían a andar en canto sexa posible, engadiu Rueda.