A Asociación de Veciños de Coruxo, co presidente Emilio Pérez Pérez como o seu principal voceiro, en nome da veciñanza afectada, denuncian ante o Valedor do Pobo o peche do servizo de pediatría no Centro de Saúde de Coruxo, que atende a máis de mil nenas e nenos das parroquias de Saiáns, Oia, Comesaña e Coruxo no Concello de Vigo.
Este é o seu relato: “Ante as alarmantes informacións que nos foron achegando nais e pais nas últimas datas pola introdución de limitacións na axenda médica, a non renovación de contratos do persoal, etc., esta asociación solicitou unha reunión con responsables da Xerencia da Área Sanitaria de Vigo”.
Nesta reunión, celebrada o pasado 04/06/2018, aseguran que a xerencia “deixoulles entender” que o peche deste servizo era unha “decisión firme e inminente”. Pouco despois, descobren que xa non é posible concertar cita alén do 29/06/2018, sen data prevista para a recuperación do servizo.
Segundo a Xerencia da Área Sanitaria de Vigo, o servizo permanecerá noutro Centro de Saúde. Nomeadamente, o Centro de Saúde sito en Navia. Isto non fai senón incrementar as dúbidas da AV de Coruxo, posto que este centro “está xa saturado pola recente centralización de servizos en favor deste”.
Todo isto, en liña co xa denunciado polas asociacións de veciños do barrio de Navia, que demandan máis servizos ante o continuo aumento de habitantes da rúa Teixugueiras, cunha pirámide poboacional inédita en Galicia na que destaca o gran número de menores de idade.
A futura ampliación na oferta de vivendas prevista para os vindeiros anos neste barrio, unida á absorción do servizo agora facilitado no Centro de Saúde de Coruxo, aseguran dende a AV de Coruxo que “implicaría un incremento non asumible”.
Engaden ademais que “a área sur de Vigo é unha zona de carácter periférico e semi-rural que conta con conexións de transporte público máis limitadas ca no centro da cidade. Por isto, o traslado do servizo ao Centro de Saúde de Navia implicaría grandes dificultades para os residentes en Oia e Saiáns, que non terían un transporte urbano directo cando na actualidade poden chegar en menos de 10 minutos coa liña 11 de autobús”.
A supresión dun novo servizo do Centro de Saúde, denuncian tamén,”distorsiona fondamente ademais o número de usuarios, o cal terá unha repercusión nas estatísticas do Sergas. A consecuencia, a determinación de que o devandito centro contará con menos usuarios e, porén, poderá ser suprimido ao non acadar as cotas necesarias. Unha total manipulación en prol da centralización de servizos e non do ben das usuarias e usuarios”.
Recalcan ademais que esta xa é unha historia que está a repetirse: “Cómpre sinalar que estamos a vivir un proceso similar ao que aconteceu, hai apenas uns anos, co servizo de matrona. Sen comunicacións claras, limitouse primeiro daquela a axenda médica, posteriormente a renovación de persoal, e por último, suprimiuse o servizo de xeito definitivo despois do seu traslado a outro centro”.
Dende a Asociación de Veciños de Coruxo defenden polo tanto a necesidade de contar co servizo de pediatría dentro do Centro de Saúde de Coruxo “para dar resposta ás necesidades dunha das áreas máis anovadas en idade do Concello e que cubre, xa de por si, unha zona grande abondo como para ter conta da súa importancia”.
Contan co apoio de Asociacións de Nais e Pais dos colexios da área sur de do Concello de Vigo e das Asociacións de Veciños de San Miguel de Oia e Saiáns. E solicitan axuda ao Valedor do Pobo para conservar o servizo de pediatría en Coruxo e amosan á súa total disposición para establecer pontes de colaboración en prol deste obxectivo.