InicioSociedadeUn vigués de 72 anos, primeiro enfermo de COVID en Galicia tratado...

Un vigués de 72 anos, primeiro enfermo de COVID en Galicia tratado con plasma doutro paciente

A terapia é experimental e o CHUVI dispón de plasma para tratar a 30 enfermos.

PUBLICADO O

- Advertisement -

Un paciente de 72 anos de idade, ingresado no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, converteuse este venress no primeiro enfermo de coronavirus de Galicia que recibe terapia antiviral con plasma doutro paciente xa curado.

Segundo informou o Sergas, o home padece pneumonía bilateral debido ao virus, e ten varias enfermidades crónicas. No seu caso, sinalaron fontes sanitarias, os tratamentos convencionais “resultaron pouco eficaces”.

Por iso, este venres realizóuselle unha infusión de plasma doutro paciente, xa curado, e que ten un alto contido en anticorpos fronte ao novo coronavirus. “A terapia con plasma úsase de forma habitual para o tratamento de diversas enfermidades hematolóxicas, e utilizouse no tratamento doutras enfermidades infecciosas, como o ébola”, sinalou o xefe do sevicio de Medicamento Interno, Manuel Crespo (que coordina o Equipo Covid do CHUVI, xunto ao xefe de Pneumoloxía, Alberto Fernández Villar).

No caso da infección polo novo coronavirus, o tratamento consiste na infusión intravenosa dunha dose única de entre 280 e 300 mililitros de plasma, obtido dun paciente curado e con alta cantidade de anticorpos, con capacidade para neutralizar o virus.

Aínda que se trata dunha terapia experimental, sen evidencia científica polo momento, os especialistas mostraron a súa esperanza de que sexa eficaz e se poidan abrir novas posibilidades e liñas de investigación para loitar contra a pandemia.

SELECCIÓN DE DOANTES E RECEPTORES

Segundo explicaron fontes de Sanidade, grazas á doazón deses pacientes curados, actualmente disponse de plasma para tratar a 30 enfermos de COVID.

Os beneficiarios da terapia serán seleccionados “cuns criterios moi concretos”: que teñan unha pneumonía grave ou factores de risco de mala evolución clínica, que sexan maiores, inmunodeprimidos, con enfermidades crónicas ou que non respondan aos tratamentos convencionais durante as primeiras 24 a 48 horas de ingreso.

O CHUVI iniciou, en coordinación coa Axencia Galega de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS), o estudo clínico para realizar esta terapia que, segundo a OMS, pode ser unha modalidade de tratamento potencialmente útil contra a COVID-19.

Así, os servizos de Hematoloxía e Microbioloxía comezaron a selección de candidatos a doantes, entre os pacientes que superaran a enfermidade e tiñan altas taxas de anticorpos xerados fronte ao virus.

Os doantes, ademais, debían presentar bo estado de saúde e estar asintomáticos, ademais de esperar polo menos 14 días desde que a proba PCR lles deu negativo en coronavirus. Tras a selección, o pasado 22 de abril iniciouse a extracción de plasma, mediante o procedemento de aférese, no local de ADOS en Vigo.

PROCESADO DE MOSTRAS

Posteriormente, a Axencia encargouse do tratamento e inactivación das unidades de plasmaféresis obtidas con azul de metileno.

As unidades procesadas, criopreservadas e almacenadas a -30 ºC, teñen unha vida útil de dous anos. Estas unidades valídanse e etiquétanse segundo estritos criterios de calidade marcados polo Comité de Seguridade Transfusional do Ministerio de Sanidade, e o seu uso será exclusivo para investigación en enfermos con confirmación de COVID-19.

ÚLTIMAS

Centos de médicos reclaman en Vigo un estatuto propio: “Non queremos atendervos mal nin con pouco tempo”

Centenares de médicos saíron á rúa este xoves en Vigo para pedir un estatuto...

Ultimato de Caballero á Deputación para a firma do convenio para a piscina de Teis: “Xa non fago paripés”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, expuxo este xoves un ultimato á Deputación de...

‘Gargallada Científica’, científicos da UVigo con alma de divulgadores e corazón de contacontos

Empregar o humor sen renunciar ao rigor, e facelo en galego. Esta é a...

Pontón esixe á Xunta mercar Povisa: “Na sanidade privada non ven pacientes, ven clientes”

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, urxiu unha vez máis a compra do...