InicioEconomíaOs comerciantes piden ao Concello de Vigo axudas para dinamizar o sector

Os comerciantes piden ao Concello de Vigo axudas para dinamizar o sector

Solicitan que se suspendan os impostos municipais relacionados coa actividade comercial e se outorguen subvencións para reformas de locais.

PUBLICADO O

- Advertisement -

A Federación de Comercio da provincia de Pontevedra e oito asociacións do sector da cidade olívica reclamaron ao Concello de Vigo o desenvolvemento dun plan que inclúa axudas para asumir gastos e formación para dinamizar o sector ante a crise sanitaria actual.

Así, as entidades remitiron un escrito no que instan o goberno local a promover a plena actividade no comercio de proximidade e evitar a súa desaparición mediante actuacións que se axusten ás instrucións das autoridades sanitarias.

En concreto, reclamáronse axudas para afrontar gastos derivados do aluguer ou a compra de establecementos durante o estado de alarma e os meses posteriores ao mesmo, así como de préstamos solicitados.

Tamén se pediu que se suspendan os impostos municipais relacionados coa actividade comercial e se outorguen subvencións para reformas de locais, ademais de para dotar de liquidez ás empresas e compensar a adquisición de mercadorías estacionais.

Adicionalmente, os comerciantes propuxeron que se desenvolvan accións para favorecer a confianza dos clientes no sector, como a desinfección de locais e a dotación dos equipos de protección necesarios.

Do mesmo xeito, expúxose que se leven a cabo campañas de dinamización do comercio local, así como que se publicite e se realicen actividades nas rúas. Neste sentido, demandouse ao goberno local vigués que apoie a solicitude de adiamento do período de rebaixas.

Así mesmo, as entidades avogaron por que se potencie a formación a través da nova Federación de Comercio de Pontevedra para o manexo da tenda en liña creada para a cidade olívica, que conta coa experiencia da Federación Galega de Comercio.

Ademais da federación provincial, asinaron o documento a Asociación de Comerciantes e Empresarios (Aetravi), a Asociación de Comerciantes e Hostaleiros Zona Naútico e a Asociación de Comerciantes do Calvario, a Asociación de Comerciantes Contorna do Xeral. Tamén o subscribiron a Asociación de comerciantes de Teis, a Asociación de Comerciantes e Empresarios Zona de Torrecedeira, Pi y Margall e Camelias (Acemto), a Asociación de Comerciantes PAU de Navia e a Asociación de Comerciantes de Pereiró (ACOPE).

ÚLTIMAS

Sanidade licita por 284.000 euros reactivos clave para transplantes no Hospital Meixoeiro

A Xunta de Galicia, a través do Servizo Galego de Saúde (Sergas), publicou no...

O PP de Vigo esixe a auditoría das contas de Bembrive mentres o Goberno local cualifica as acusacións de “falsas”

A presidenta do PP de Vigo, Luisa Sánchez, esixiu ao rexedor, Abel Caballero, que...

Zona Franca renovará o seu apoio ao proxecto BIXO da UVigo SpaceLab para o lanzamento dun novo satélite

Zona Franca renovará o seu apoio ao proxecto BIXO da UVigo SpaceLab, que pretende...

Catro tartarugas mariñas, rescatadas e trasladadas á UCI de Nigrán tras aparecer debilitadas no litoral galego

Catro tartarugas mariñas foron trasladadas á UCI das instalacións da Coordinadora para o Estudo...