InicioSociedadeO 70% dos membros da UVigo quere mellorar os seus coñecementos en...

O 70% dos membros da UVigo quere mellorar os seus coñecementos en igualdade

A Universidade de Vigo porá en marcha o próximo 1 de abril un itinerario virtual de formación para atender esta demanda

PUBLICADO O

- Advertisement -

O estudo titulado ‘Valoracións, percepción e impacto das políticas de igualdade entre mulleres e homes na Universidade de Vigo‘ concluíu que “ao redor do 70% dos membros da comunidade universitaria quere mellorar os seus coñecementos en materia de igualdade”.

Así o manifestou este luns Laura Seara, da consultora Rede Talento, durante o acto de presentación do estudo que contou coa presenza do reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, e da directora da Unidade de Igualdade da UVigo, Águeda Gómez.

Co obxectivo de atender esta demanda de formación, a Universidade de Vigo anunciou a posta en marcha, a partir do 1 de abril, dun itinerario virtual de formación en xénero aberto ao alumnado, persoal docente e investigador.

O itinerario virtual está conformado por oito cursos elaborados por expertas da Universidade de Vigo, segundo explicou Águeda Gómez. Concretamente, consta dun módulo básico de 40 horas e cursos especializados de 120 horas nos que se abordarán diferentes temáticas que van desde a normativa ata o acoso sexual.

Ademais, co obxectivo de “potenciar” a participación e involucración do alumnado, a directora da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo indicou que a realización de ditos cursos será recoñecida con créditos ECTS para o alumnado e como formación para o persoal docente e investigador.

Neste contexto, o reitor da Universidade de Vigo recalcou a importancia de “contribuír a unha sociedade máis xusta desde o punto de vista formativo pero tamén desde o campo da investigación”. Ademais, subliñou que “unha sociedade máis xusta non pode senón ser feminista”.

CONCLUSIÓNS

A investigación, encargada pola Unidade de Igualdade á Consultora Rede Talento e financiada polo Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, foi realizada en base a 375 entrevistas presenciais realizadas nos tres campus da Universidade de Vigo e en once das súas escolas ou facultades.

O traballo foi exposto por Laura Seara como un estudo “divulgativo”, ademais dunha “ferramenta para a elaboración de investigacións e plans no campo da igualdade”. Neste sentido, Seara afirmou que “se detecta aínda un contexto masculinizado con brechas de xénero palpables na comunidade universitaria” e presentou o estudo como “unha aproximación a esas brechas”.

Entre os aspectos positivos, respecto da valoración da situación das mulleres en institucións e organizacións, o documento recolle a Universidade de Vigo como “a institución mellor valorada respecto de igualdade, conxuntamente coas asociacións estudantís”. Mentres, presenta como as peor valoradas pola comunidade universitaria os clubs deportivos, o Ibex 35 e as forzas e corpos de seguridade.

Con todo, en canto á violencia de xénero, o documento sinala a existencia dun “preocupante descoñecemento sobre a definición deste concepto”. A pesar deste dato, o texto engade que “se observa un positivo rexeitamento de falsos tópicos erroneamente relacionados coa violencia de xénero respecto da dependencia económica das vítimas ou ao baixo nivel formativo”.

O documento tamén recolle como “practicamente a metade da poboación universitaria foi vítima de tocamentos no cu nalgún espazo público (rúa, zonas de lecer) ao longo da súa vida e un 60% sufriu acoso verbal na rúa”. De feito, o acoso verbal nas rúas ou os comentarios sobre o físico son “unha temática preocupante para o 90% das mulleres”.

Ademais, a investigación tamén solicitou ás persoas enquisadas que indicasen o posto de traballo que aspiran a desenvolver nun futuro e a súa preferencia. En base ás respostas, concluíuse que “a comunidade universitaria aspira a exercer a súa profesión con estabilidade pero sen responsabilidades”.

ÚLTIMAS

Piden case 5 anos de cárcere para un acusado de agresión sexual a un menor

A sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, acollerá este...

Axentes e funcionarios denuncian as condicións “extremas” de calor na Comisaría de Vigo

Medio centenar de axentes e funcionarios da Comisaría de Vigo-Redondela, convocados polos sindicatos policiais...

Detido en Vigo por unha agresión á súa parella

Axentes da Policía Local de Vigo detiveron a un home de 47 anos de...

Confirmados 4 anos de cárcere para un home que extorsionou a unha muller

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmou a sentenza da sección quinta...