As análises realizadas no Complexo Hospitalario Universitario de Vigo, e confirmados polo Centro Nacional de Microbioloxía, ao menor ingresado no Hospital Álvaro Cunqueiro (HAC), confirman a infección por coronavirus, o que supón o cuarto caso en Galicia.
Segundo confirmou a Consellería de Sanidade, o menor atópase ingresado en planta do HAC, “en cumprimento cos protocolos acordados co Ministerio de Sanidade”.
A Dirección Xeral de Saúde Pública, incidiu Sanidade, “está seguindo o protocolo”, e xa iniciou o estudo de contactos para determinar as medidas necesarias que permitan previr novos contaxios”.
O menor infectado, de 15 anos, estuda no IES Plurilingüe A Paralaia de Moaña, onde a Consellería de Sanidade e Educación aplicaron os protocolos correspondentes.
CONTROL DOS COMPAÑEIROS DE CLASE
O menor acudiu a clase con normalidade ao seu instituto de Moaña ata este xoves e mantivo o último contacto coa súa nai, que tamén está afectada polo virus, o pasado 27 de febreiro.
Así o confirmou este venres o xefe do Servizo de Alertas Epidemiolóxicas da Xefatura de Sanidade en Pontevedra, Miguel Álvarez Deza, que compareceu xunto co conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, e o subdirector xeral de Información sobre a Saúde e Epidemioloxía, Xurxo Hervada.
O dispositivo para detectar e previr contaxios en Galicia procedeu a controlar os compañeiros de clase no IES Plurilingüe A Paralaia de Moaña e amigos do menor de 15 anos. Así, fontes próximas ao centro educativo indicaron que isto significa que se procederá a identificar todos os compañeiros de clase, uns 27 alumnos, e aos amigos, polo que calculan que sexan uns 50 ou 60 rapaces.
Todos eles estarán controlados e deberán tomar a temperatura varias veces ao longo do día. Ademais, terán un control dos síntomas por se presentasen algún, nese caso deben contactar co 061.
Segundo determina o protocolo, distinguiuse entre ‘contactos estreitos’ do menor –os seus compañeiros de clase e os que compartiron transporte escolar con el– e o resto dos alumnos, tendo en conta que un hipotético contaxio sería máis posible entre os primeiros. Segundo confirmaron fontes próximas ao centro, trátase duns 27 alumnos na clase e outros contactos próximos, ata sumar uns 50 ou 60 mozos.
Pola súa banda, no instituto no que cursa estudos o menor con positivo a coronavirus, continúan as clases “con normalidade”, ratificaron por parte do centro. Ademais, persoal do centro mantivo reunións coas autoridades sanitarias e educativas correspondentes e activouse un plan de vixilancia activa de todos os que tiveron contacto directo co menor infectado, que cursa 3º da ESO.
As autoridades sanitarias galegas contactarán diariamente cos compañeiros de clase e de transporte escolar do menor, aínda que descarta pechar o IES.