InicioPolíticaFeijóo proclama que conseguiu co seu goberno que "Vigo siga sendo Vigo"...

Feijóo proclama que conseguiu co seu goberno que “Vigo siga sendo Vigo” ao “preservar a súa economía e a súa industria”

Reivindica a súa aposta por actuacións "estruturais" e destaca o seu "compromiso" coa cidade, da que asegura que "venceu" a crise.

PUBLICADO O

- Advertisement -

O presidente da Xunta e candidato do PPdeG á reelección, Alberto Núñez Feijóo, proclamou que o seu goberno conseguiu que “Vigo siga sendo Vigo” ao “preservar a súa economía e a súa industria” durante os últimos 11 anos nos que se situou á fronte do Executivo galego.

Durante un almorzo celebrado este luns na cidade para realizar un balance da súa xestión, o presidente destacou o seu “compromiso” coa urbe e puxo en valor o labor levado a cabo para “tentar” que se convertese na cidade “soñada” a pesar de dispor de “menos orzamento que hai 11 anos”. Deste xeito, asegurou que “Vigo é moito” en referencia ao lema escollido polo PPdeG para a campaña das próximas eleccións autonómicas, ‘Galicia é moito’.

Así, destacou a súa aposta polas actuacións “estruturais” fronte ás “cousas que aparecen e desaparecen” ou decisións que “se acenden e apagan” en alusión velada á iluminación instalada na cidade durante o período do Nadal. “Prefiro estar na oposición servindo os cidadáns que no Goberno enganándoos”, afirmou tras insistir en que o seu obxectivo pasa por ser “útil” para os mesmos.

En concreto, resaltou a aposta da administración pola industria naval e a da automoción que permitiron evitar a súa “deslocalización” no contexto da crise económica, que, segundo lembrou, acompañou a maior parte do seu mandato á fronte da Xunta.

Nese sentido, Feijóo destacou que o sector naval superou a crise do ‘tax lease’ e, na actualidade, representa o segundo territorio con máis pedidos de Europa, só superado por Holanda, a pesar da situación de Hijos de J. Barreras, que espera que “se solucione pronto”. En concreto, este estaleiro eludiu entrar en concurso de acredores o pasado mes, cando se presentou un acordo de refinanciamento e reestruturación do estaleiro, cuxa xestión asumiu The Ritz Carlton.

Respecto da automoción, o xefe do Goberno galego resaltou como a crise e a “obsolescencia” dos produtos afectaron a este sector, ao que apuntou que a Xunta destinou 186 millóns de euros. Así, sinalou que se reuniu con responsables de PSA Peugeot Citroën en París para comparar os custos de produción das súas fábricas no sur de Europa e puxo en valor que, a pesar de que os da planta de Vigo eran os maiores, esta tamén é a que acumula máis beneficios.

Deste xeito, Núñez Feijóo reivindicou que a produción de novos modelos permitiu xerar 1.500 empregos máis na fábrica viguesa e incidiu en que este ano espera producir uns 600.000 vehículos, ademais de apuntar que se reunirá con responsables da empresa en París de novo.

O presidente tamén subliñou o papel da cidade na cadea mar-industria a nivel europeo, que, segundo defendeu, puido preservarse grazas ás axudas concedidas á transformación do sector.

URBANISMO

En relación á situación do urbanismo en Vigo, criticou que a carencia dun Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) –o máis recente foi anulado por unha sentenza xudicial e a presentación do borrador do novo documento permanece pendente– levou que a ampliación do Instituto Feiral de Vigo (Ifevi) precise da emisión de 22 informes de distintos organismos. Ademais, lembrou que xa se realizou unha primeira fase do incremento do espazo cuxo custo asumiu en solitario a Xunta e sinalou que tamén executará a segunda ampliación en solitario.

Nesa liña, resaltou que a falta dun plan de urbanismo tamén dificultaba a construción da estación intermodal e reivindicou a “solución” achegada pola Xunta mediante a apliación da lei 3/2016. Así, definiu esta actuación como unha das principais obras que permitirán “cambiar” a cidade de cara aos próximos 50 anos, entre as que incluíu a construción da depuradora. Deste xeito, puxo en valor que en Galicia estarán dispoñibles distintas intermodais antes da chegada da alta velocidade.

Núñez Feijóo destacou así mesmo a revitalización do Casco Vello de Vigo mediante o consorcio, cuxa presidencia corresponde á Xunta, e a nova proposta de convertelo nun barrio creativo. Así, esperou que o Concello, que tamén participa no consorcio, “deixe” que esta iniciativa se leve a cabo –dous representantes municipais no Consello de Administración do organismo rehabilitador impediron aprobar a cesión dos locais para o proxecto ‘Vigo Crea’ ao ausentarse da reunión do mesmo a pasada semana–.

CHAN INDUSTRIAL

Así mesmo, o líder do Goberno galego asegurou que o obxectivo da Administración pasa por dispor de chan industrial na zona, para o que lembrou que se activou a Plisan de Salvaterra-As Neves. De feito, destacou que para pór en marcha “ese pulmón que necesita Vigo” conectouse esta plataforma loxística coa A-52 e construíuse unha depuradora na zona.

Adicionalmente, Feijóo destacou a creación dun “cinto” ao redor de Vigo mediante a conversión do Corredor do Morrazo en autovía e avanzou que o seguinte paso será conectala co Baixo Miño.

Ademais, lembrou que o Plan de Transporte Metropolitano permite desprazarse á cidade mediante descontos e criticou que o Concello olívico non se adheriu ao mesmo, o que impide que os seus cidadáns non poidan dispor de transbordos gratuítos e outras vantaxes. Nesta liña, reprobou o rexeitamento de Abel Caballero a sumarse a este plan –que sufragan ao 20% os municipios fronte ao 80% que asume o Executivo galego– e incidiu en que outros líderes socialistas de grandes cidades si facilitaron a adhesión ao mesmo.

CIDADE DA XUSTIZA

O presidente do Executivo autonómico tamén destacou a Cidade da Xustiza como unha das actuacións principais que leva a cabo a Administración que preside e que permitirá recuperar un edificio “icónico” da urbe, a torre do antigo Hospital Xeral. Mentres, lembrou que as actuais instalacións dos xulgados destinaranse a acoller un centro de saúde, o que, ao seu xuízo, mostra o compromiso e a Xunta coa Atención Primaria.

Tamén lembrou a construción do Hospital Álvaro Cunqueiro. Así, esperou que as persoas que se manifestaron en Vigo para demandar que fose público “se decaten” de que a súa titularidade corresponde ao Servizo Galego de Saúde (Sergas).

En canto ao ámbito asistencial tamén apuntou que se situará na ETEA unha residencia de persoas maiores e indicou que nesa zona se intalará ademais o Campus do Mar da Universidade de Vigo.

O presidente da Xunta destacou tamén as remodelacións e ampliacións de distintos centros educativos levadas a cabo na cidade e asegurou que se acometerá a construción dun instituto en Navia “cando o Concello ceda os terreos” necesarios para iso. Ademais, puxo en valor que se duplicaron as prazas dispoñibles en gardarías da cidade nos últimos 11 anos.

ÚLTIMAS

Caballero prevé unha ocupación do 85% durante a ponte, tras o segundo mellor xuño da historia

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, comunicou este venres que a previsión dos hoteis...

Vigo insiste: “O Porriño ten que pagar 5,8 millóns polo canon da auga”

O Concello de Vigo volveu a reclamar ao do Porriño o pago de case 6 millóns de euros pola...

Concentración en Madrid pola morte do vigués morto tras ser golpeado no concerto de Karol G

A Asociación Iniciativa Veciñal en Defensa do Medio Ambiente e contra o Túnel no...

Banco de Alimentos de Vigo reparte máis de 700.000 quilos de comida nos primeiro semestre, un 6,6% menos que hai un ano

A Fundación Provincial Banco de Alimentos de Vigo entregou máis de 705.000 quilos de comida durante...