A corporación municipal de Vigo reclamou á Xunta que colabore no financiamento das principais festas da cidade, así como en de voos cuxo destino ou chegada teñan lugar no aeroporto de Peinador.
Así, aprobáronse dúas mocións presentadas polo Grupo Municipal Socialista sobre estes puntos no marco do pleno ordinario deste mes, que tivo lugar este mércores en Vigo.
O portavoz do Grupo Municipal Socialista, Carlos López Font, incidiu na necesidade de que o Goberno galego habilite unha partida orzamentaria de 2,5 millóns de euros para subvencionar as conexións aéreas da cidade dado que, segundo asegurou, “historicamente só se deu este apoio ao aeroporto de Santiago”.
Así, o edil socialista considerou “evidente” este feito debido ao “comportamento das compañías” que optan por ofrecer os seus voos na terminal compostelá e sinalou a necesidade de que o Consello de Contas investigue as axudas “opacas” que se conceden á mesma mediante Turismo de Galicia.
Mentres, o concelleiro ‘popular’ Jesús Marco achacou esta situación ao feito de que o Concello de Vigo “non proporcionou rutas atractivas”.
Pola súa banda, o portavoz do Grupo Mixto, no que se integra Marea de Vigo, Rubén Pérez, asegurou que o Executivo autonómico “cancelou” as axudas concedidas a aerolíneas e avogou por que o goberno local actúe do mesmo xeito. Tamén incidiu na necesidade de ofertar voos “baratos” a Madrid, Barcelona e Bilbao para dar resposta ás necesidades das empresas e criticou que se optase por crear conexións con cidades como Edimburgo “que non atraían turistas” mediante “ofertas que só eran para aeroportos nos que operaba Ryanair”.
Así mesmo, o concelleiro do Bloque Nacionalista Galego (BNG), Xabier P. Igrexas, asegurou que a principal competencia de Peinador se corresponde coa terminal do Porto e chamou a potenciar o primeiro a través do transporte de mercadorías, así como a establecer unha oferta coordinada entre os aeroportos galegos.
APOIO A FESTAS
Por outra banda, López Font criticou que o Goberno galego “programase” unha dotación de 60 millóns de euros para potenciar a celebración do Xacobeo mentres destinou “cero euros” a Vigo a pesar da afluencia de visitantes rexistrada nesta cidade no período do Nadal.
A ese respecto, a concelleira ‘popular’ Teresa Egerique reprobou que o goberno local reclame unha maior partida para eventos da cidade e, en cambio, permitise que sexa a única localidade situada entre O Porto e Santiago na que non se sinalizou a ruta xacobea.
Rubén Pérez cuestionou que tres millóns de persoas visitasen a cidade durante a tempada do Nadal e asegurou que a maior parte do turismo rexistrado nesa época estivo constituído por excursionistas. Así, advertiu de que ese modelo satura a urbe e non xera beneficios económicos, ademais de criticar que case a metade dos 800.000 euros destinados a ese evento se investisen na súa promoción en medios de comunicación.
Adicionalmente, Igrexas rexeitou o modelo de entroido da cidade que “fai prevalecer” concertos de artistas como Chenoa e Soraya en lugar de pór en valor a “singularidade” desta festa na cidade e lamentou que se invista máis en chocolatadas que en campañas de prevención de violencia machista.