A Xunta de Galicia defendeu este martes que o cofinanciamento de servizos sociais permite “chegar a máis xente” e celebrou como unha “boa noticia” a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que avala ese cofinanciamento no caso de tres centros de día da cidade de Vigo.
A preguntas dos medios durante unha visita á asociación veciñal ‘Novo Vigo’ de Navia, o vicepresidente do goberno galego, Alfonso Rueda, sinalou que a Xunta “respecta sempre” as decisións xudiciais, “sexan a favor ou en contra”, e subliñou que o goberno autonómico non critica os xuíces cando as sentenzas non lle son favorables.
Así, en clara alusión ao alcalde de Vigo, aínda que sen nomealo, Rueda apostou polo “respecto da Xustiza”, e por non “descualificar nin silenciar sentenzas” cando non se axustan ao reclamado por unha administración.
No caso da resolución do TSXG sobre cofinanciamento de centros de día, o vicepresidente galego sinalou que dita sentenza reflicte “que todas as administracións teñen que colaborar nos servizos esenciais“, como o son os de carácter social.
“É necesaria a colaboración de todas as administracións, que están obrigadas con arranxo aos seus recursos e dentro das súas posibilidades”, sinalou, e lembrou que, aínda que o alcalde de Vigo “o negaba”, agora unha sentenza avala ese cofinanciamento.
PLAN PARCIAL DE NAVIA
Igualmente, a Xunta de Galicia lamentou este martes que o goberno municipal de Vigo está “a atrasar e case paralizando” a modificación do plan parcial de Navia por unha reclamación, a construción dun instituto, que é “independente” desa tramitación.
Rueda insistiu en que a administración autonómica está pendente de que o Concello dea luz verde definitiva a esa modificación para acometer a construción de 1.600 vivendas de promoción pública nese barrio. “O Concello debería colaborar, debería ser o primeiro interesado”, apostilou.
A ese respecto, matizou que esa actuación “non se debería condicionar a nada máis”, en alusión á reclamación do goberno de Abel Caballero, de que se constrúa un IES nesa zona, e que se asine un protocolo para garantir esa actuación, como requisito previo á aprobación da modificación do plan parcial.
Segundo afirmou Rueda, a construción do centro educativo é algo que a Xunta “non descarta”, e lembrou que a propia Consellería de Educación se dirixiu “hai meses” ao Concello para solicitar a cesión dunha parcela. “Pero iso é independente da construción das vivendas e da modificación do plan parcial”, insistiu.
QUE A XUNTA “DEIXE DE ENREDAR”
Pola súa banda, a concelleira de Urbanismo de Vigo, María Xosé Caride, pediu ao goberno galego “que deixe de enredar” e que asine o protocolo para construír o IES, que deberá ser a primeira infraestrutura nova na nova urbanización do barrio.
Caride sinalou que o Concello ofreceu á Xunta unha parcela de máis de 12.000 metros cadrados (máis dos 10.000 que reclamaba como mínimo Educación), e ironizou sobre o feito de que, a pesar das súas esixencias de superficie, o goberno galego valore facer un instituto nun dos edificios dos actuais xulgados, “antigo, mal iluminado, que non reúne as condicións” e sen espazo para o lecer ou o deporte, cunhas instalacións “peores que as franquistas”.