InicioCulturaSondeSeu poñerá o broche musical á cerimonia da Capital da Cultura do...

SondeSeu poñerá o broche musical á cerimonia da Capital da Cultura do Eixo Atlántico en Braga

A Orquestra Folk estará acompañada polo portugués Daniel Pereira nunha xornada que pretende incentivar a implicación da comunidade na crecente dinámica cultural de todo o territorio transfronteirizo.

PUBLICADO O

A Cerimonia de Apertura Oficial de VI Capital da Cultura do Eixo Atlántico realízase este sábado, 8 de febreiro, ás 21h30 (hora local), no Altice Forum Braga, cun concerto de música tradicional compartido polo portugués Daniel Pereira Cristo e a galega SondeSeu Orquestra Folk.

Desta maneira, a VI Capital da Cultura do Eixo Atlántico pretende incentivar a implicación da comunidade na crecente dinámica cultural non só da cidade de Braga, senón de todo o territorio transfronteirizo.

Para Ricardo Río, alcalde de Braga, a Capital da Cultura reafírmase como a celebración da cooperación transfronteiriza. “Queremos que a Capital da Cultura do Eixo Atlántico – Braga 2020 sexa un momento de afirmación da nosa identidade e que contribúa a aumentar a dinámica cultural de cada unha das cidades que integran esta asociación transfronteiriza”, destaca o alcalde.

A programación deseñada para este ano inclúe 52 eventos de referencia do Municipio de Braga e un conxunto de novas iniciativas que contan coa colaboración de axentes culturais dos municipios do Norte de Portugal e de Galicia. Todo un conxunto de actividades que inclúen cultura urbana; artes plásticas – pintura, escultura, debuxo, gravado, cerámica, ourivaría, artesanía -; música contemporánea, clásica, ópera e folk; poesía, teatro, cinema, exposicións, concertos, encontros de industria cultural, fotografía, encontros sectoriais do mundo da cultura…

INAUGURACIÓN COA MÚSICA DE DANIEL PEREIRA E SONDESEU

A inauguración concluirá cun concerto de música tradicional compartido por Daniel Pereira Cristo e a galega SondeSeu Orquestra Folk que presentan un espectáculo con novas músicas, novas cancións e novas abordaxes dos seculares cordófonos e percusións. “Un espectáculo que coloca no presente e na contemporaneidade os nosos instrumentos e sons étnicos, conservándoos así para o futuro, para as músicas do mundo”, aseguran dende a organización.

SonDeSeu é unha das primeiras orquestras europeas de música folk contemporánea. O seu repertorio consta de temas procedentes da tradición oral da música popular de Galicia, arranxados especialmente para a formación polos seus compoñentes e responsables das distintas seccións que abarcan gaitas, percusión, zanfonas, violíns, frautas de madeira, arpas e corda pulsada. SonDeSeu naceu no ano 2001, fundada por Rodrigo Romaní no antigo departamento de Música Tradicional da Escola de Artes e Oficios de Vigo.

Esta experiencia singular persegue a fusión entre formación especializada, práctica escénica e música en comunidade. Desde entón, tivo unha traxectoria ascendente proxectada cara ao panorama estatal e internacional, con diversas publicacións discográficas editadas e numerosos recoñecementos públicos. Os concertos en vivo convértense en toda unha celebración da recuperación do patrimonio oral e a súa integración na modernidade urbana, nos que o público, de xeracións diversas, toma parte activa.

A entrada ao concerto é libre, pero suxeita á dispoñibilidade do local. As entradas poden ser recollidas no despacho de billetes do Altice Forum Braga, entre as 09h00 e as 18h00 (entre as 10h e as 17 h., hora galega).

ÚLTIMAS

Encontrado o cadáver dunha muller dentro dun coche aparcado nun parking de Samil

O cadáver dunha muller foi achado dentro dun coche que estaba aparcado nun parking...

Decretan prisión para o recluso da Lama investigado pola morte da muller que apareceu no Porriño

A maxistrada do Xulgado de Instrución número 3 do Porriño decretou prisión provisional, comunicada...

Sae o vehículo número 16 millóns de Stellantis, un Fiat E-Dobló 100% eléctrico

Stellantis Vigo produciu este martes o seu vehículo número 16 millóns desde que a...

Expertos analizan no Porriño o “difícil” camiño das vacinas pendentes

A Asociación Nacional de Informadores da Saúde (ANIS), en colaboración con Zendal, organizaron no...