InicioSociedadePresentadas en Vigo as primeiras denuncias polas deportacións a campos nazis que...

Presentadas en Vigo as primeiras denuncias polas deportacións a campos nazis que se suman á querela arxentina contra o franquismo

Documentáronse polo menos 193 casos de deportados galegos que acabaron en campos de exterminio nazis, dos que 41 eran da provincia de Pontevedra e 15 da cidade de Vigo.

PUBLICADO O

- Advertisement -

Familiares e representantes da Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica (ARMH) presentaron este martes, no consulado de Arxentina en Vigo, as primeiras cinco denuncias sobre españois que foron deportados a campos de concentración nazis, para unilas á querela que se tramita nese país por crimes vinculados á Guerra Civil e ao franquismo.

Segundo explicou a investigadora María Torres, trátase de cinco galegos que, tras a Guerra Civil, acabaron en campos de confinamento en Francia e que, posteriormente, no marco da Segunda Guerra Mundial, caeron prisioneiros do réxime nazi que, “coa conivencia da ditadura franquista”, os deportou a campos de concentración, violando a Convención de Xenebra.

Torres explicou que hai constancia documental dunha reunión mantida en 1940 entre Hitler, Himmler e o entón ministro da Gobernación franquista, Serrano Suñer, a partir da cal o réxime nazi comezou a deportar os prisioneiros ‘roxos’ españois a campos de concentración. “Dixéronlles que fixesen con eles o que quixesen”, apuntou.

Esa foi a sorte que correron, entre outros miles, o vigués Domingo Castro Molares, que acabou en Mauthausen; José Ferradás Pastoriza, de Bueu, que foi deportado tamén a Mauthausen; Ramón Garrido Vidal, do Grove, que foi enviado a Dachau; Arturo González Bastos, de Vigo, que foi deportado a Neunengamme; e Francisco Pena Romero, de Boiro, que acabou en Mauthausen.

A ARMH documentou polo menos 193 casos de deportados galegos que acabaron en campos de exterminio nazis, dos que 41 eran da provincia de Pontevedra e 15 da cidade de Vigo. No entanto, aclarou María Torres, a asociación seguirá presentando denuncias porque segue solicitando información sobre novos casos.

“RECONSTRUÍR A SÚA VIDA E HUMANIZALOS”

Segundo explicou, o obxectivo de unir estas denuncias á coñecida como querela arxentina, que instrúe a xuíza María Servini, non é outro que “obter xustiza”, poder “reconstruír a vida” destes represaliados e “humanizalos”,  pois o réxime nazi desposuíunos da súa humanidade e reduciunos a ser meros números.

Esta investigadora subliñou que moitos destes deportados combateron antes no exército republicano e víronse obrigados a abandonar España para acabar en campos de confinamento franceses. Desde alí, unha gran parte deles ingresou nas compañías de traballadores estranxeiros e acabaron construíndo fortificacións como a liña Maginot, antes de caer prisioneiros dos nazis cando estes invadiron Francia.

“Non hai sobreviventes, non se pode localizar en todos os casos as familias, hai que rastrexar moitos arquivos, moitos están clasificados como secretos de Estado (…) e todo é lento”, resumiu María Torres as dificultades dos seus tres anos e medio de investigación.

Todo iso para “obter xustiza” e “un recoñecemento institucional” porque estas persoas “non eran uns apátridas, como sostiña o réxime franquista, eran españois que loitaron polo seu país, moitos estiveron na Resistencia e loitaron contra o fascismo,… e acabaron en campos de concentración nazis”.

ÚLTIMAS

Vigo converterase en abril no epicentro mundial da pesca sustentable co Global Sustainable Seafood Galicia Forum

O director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Isaac Rosón, reuniuse este mércores...

A familia do vigués falecido nun aeroxerador en Burgos defende a inocencia dos seus amigos: “Non teñen a culpa do ocorrido”

A familia de Yibrán Javier Rodríguez, o mozo vigués de 23 anos que faleceu...

Caballero acusa á Xunta de “afundir” parte do campo de fútbol da ETEA e dálle cinco días para reparalo

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, denunciou este mércores que a Xunta “afundiu” parte...

O Goberno vigués veta unha declaración institucional para pedir a fin das peaxes na AP-9

O goberno municipal de Vigo vetou este mércores unha proposta de declaración institucional, promovida...