InicioEconomíaTraballadores percorren Vigo ao berro de "Naval solución, Xunta implicación"

Traballadores percorren Vigo ao berro de “Naval solución, Xunta implicación”

A CIG criticou que o Executivo autonómico fose "incapaz" de convocar a mesa de contratación anunciada e lamentou que "mire cara a outro lado" ante a crise do estaleiro Hijos de J. Barreras

PUBLICADO O

- Advertisement -

Baixo cánticos como ‘Naval solución, Xunta implicación’, centos de delegados sindicais da CIG no sector percorreron as rúas de Vigo nunha manifestación convocada polo sindicato para demandar unha “intervención pública e directa” do Goberno galego.

Así o reclamou o secretario comarcal do sindicato, Alberto Gonçalves, mediante a lectura dun manifesto ante a Delegación Territorial da Xunta, onde concluíu a marcha, iniciada ante as antigas instalacións do estaleiro Factorías Vulcano. Ademais, os delegados sindicais analizaron o futuro do sector nunha asemblea celebrada en Teis antes do inicio da marcha.

Nese sentido, o sindicalista criticou que o Executivo autonómico fose “incapaz” de convocar a mesa de contratación anunciada e lamentou que “mire cara a outro lado” ante a crise do estaleiro Hijos de J. Barreras, que se atopa en preconcurso e á espera de que o armador The Ritz Carlton Yacht Collection asuma a súa xestión para reestruturalo. De feito, a empresa necesita chegar a un acordo cos seus provedores ou o 2 de febreiro entrará en concurso de acredores.

En canto ao estaleiro Factorías Vulcano, Alberto Gonçalves afirmou que o risco da súa desaparición é “real”. Precisamente, o secretario comarcal de CIG-Industria de Vigo, Xulio Fernández, denunciou que a Autoridade Portuaria “pretenda” que as súas instalacións se utilicen para almacenar colectores en lugar de para continuar a actividade naval. O xuíz decretou en outubro a extinción colectiva de contratos dos traballadores do estaleiro vigués e ata o momento só transcendeu o interese dunha empresa de caldedería e reparación nos terreos. Pola súa banda, o Porto de Vigo aprobou en decembro o seu plan de empresa para 2020, que contempla, entre outros investimentos, a compra dun espazo anexo ao dominio portuario do estaleiro Vulcano.

DEMANDAS SINDICAIS

Ante esta situación, Alberto Gonçalves reclamou ao Goberno galego e ao Executivo central que tomen medidas para asegurar o mantemento do emprego e advertiu do prexuízo que o peche dos estaleiros causaría á industria auxiliar. Ante esa situación, o sindicato avoga pola intervención pública en sectores estratéxicos e por asegurar o futuro do naval mediante a toma do control público de Barreras e Vulcano ou, polo menos, a través do apoio a iniciativas que garantan o mantemento da actividade e os empregos.

Así mesmo, Gonçalves fixo fincapé no feito de que o sector naval supón unha parte “estratéxica” da economía da zona e asegurou que non é posible esperar para dar unha resposta a esta situación. Así, lamentou que os 10.000 empregos que xeraba o sector hai dez anos descenderon ata 2.000.

En relación ao sector da automoción, a CIG aposta por crear unha mesa galega da automoción na que se integre ás universidades, o clúster e os sindicatos, e por condicionar o apoio público ao mantemento do emprego, así como por pór en marcha unha tarifa eléctrica galega. Ademais, o sindicato denunciou que se sufriu un ERE no sector e que se “precarizaron” as condicións laborais dos empregados.

Nesa liña, o sindicato incidiu en que o peso do sector industrial no Produto Interior Bruto (PIB) descendeu un 1,57 por cento entre 2010 e 2016, mentres que na Coruña se incrementou nun 21,54 por cento. Tamén apuntou que os resultados do Valor Engadido Bruto (VEB) de entre 2010 e 2016 da rama industrial retrocederon un 6,59 por cento na área olívica, a pesar de que na Coruña ascenderon un 9,28 por cento.

En canto á calidade do emprego, a CIG criticou que, no primeiro trimestre de 2019, se sumasen 7.000 empregos indefinidos menos que en 2009, mentres que a cifra de eventuais se incrementou en 2.300.

ÚLTIMAS

OPINIÓN.- Salvar a Ría de Vigo e recuperar a saude pública

Dende esta primaveira un grupo crecente de persoas e asociacións da cidade de Vigo...

Absolto o acusado de violar a unha moza durmida pola falta de consistencia da versión da denunciante

A sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, ditou sentenza na que...

Un veciño de Vigo recibirá máis de 12.000 euros tras caer nunha escaleira mollada sen sinalización

A sección sexta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, condenou a...

Condenan a 2 anos de cárcere a unha americana que estafou máis de 158.000 dólares a unha firma viguesa de produtos do mar

A sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, acolleu este...